Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

PRÓXIMOS EVENTOS

O Concello de Mugardos traballa para a concienciación da veciñanza sobre a importancia da recollida selectiva de residuos. Por isto, o concello mantén unha campaña divulgativa co obxectivo de incrementar a utilización dos recursos dispoñibles para separar o lixo. O punto limpo en Vilar do Colo que o Concello de Mugardos proxecta xunto aos de Fene, Cabanas e Ares aumentará as posibilidades de reciclaxe.

Así, é importante destacar que as cores dos colectores determinan a natureza de cada contedor.

  • AMARELO – PLÁSTICOS

Nos colectores amarelos poden depositarse botellas de plástico que contiveran líquidos (aceites vexetais, refrescos, auga, leite, ….), botes de plástico que contiveran produtos de aseo ou limpeza (xel de baño, champú, limpiadores do fogar, suavizante, etc), botes de cosméticos, tubos de dentífrico, bandexas de aluminio, porexpán ou cortiza branca, redes de envoltorios de froitas, hortalizas e verduras, plásticos film e envoltorios de aluminio, bolsas de plástico dos comercios, envases plásticos de manteiga, iogur ou aperitivos, latas de conservas, de bebidas e de refrescos, briks de leite, batidos, viño, zumes, e en xeral, todos os envases de plástico, latas e briks que leven impreso o punto verde.

Non se deben depositar neste recipiente residuos de plástico que non sexan envases (xoguetes, cepillos de dentes, rotuladores, cables eléctricos, enchufes, …), así como cueiros, restos de alimentos, papel, vidro, pilas, etc.

  • AZUL – PAPEL E CARTÓN

É o contedor no que deben depositarse papeis e cartóns: xornais e revistas, cadernos (sen argolas, sen grampas  e sen arames), papel de envolver ou embalaxes, caixas de cartón (de galletas, cereais, zapatos, ….), envases de papel (de arroz, fariña, azucre, ….), cartóns de ovos, acolchado de embalaxes (cando sexa de papel ou cartón), libros, follas de apuntes…

Non se deben depositar neste recipiente papeis tratados-encerados, plastificados, de calco, sucios ou con restos de graxa.

  • VERDE – ORGÁNICO

É o contedor xenérico, no que depositar restos orgánicos (en caso de non dispoñer de composteiro), cueiros, compresas, bastonciños de algodón, toalliñas desbotables, papel e cartón con restos de graxas, panos de papel usados, papel de aluminio sucio, coiro, bolígrafos, pequenos xoguetes de plástico, pequenos obxectos plásticos, metálicos e de madeira de uso no fogar que non sexan envases.

  • IGLÚ VERDE – VIDRO

Aquí debe depositarse o vidro: botellas de vidro de calquera cor, tarros de vidro, frascos de conservas, tarros de cosmética e perfumería.

Non se deben depositar neste recipiente tapas, tapóns e cortizas, así como vidros especiais (restos de cristalerías, parabrisas de coches, cristais de fiestras, espellos, etc). Na seguinte ligazón pode verse a relación de contedores de vidro e a súa ubicación:

 DESCARGAR PDF Ubicación contedores de depósito de vidro

  • ACEITE USADO

O contedor destinado ao aceite usado indica o seu uso a través dun panel laranxa. As recollidas efectúanse cada quince días e o convenio contempla a posibilidade de que os locais de hostalería, colectividades e industrias que así o requiran poidan ter este servizo de forma gratuíta entregándolles un envase indicado para tal fin.

Os puntos onde se encontran situados os contedores de aceite son: Contramaestre Casado, Avenida do Seixo (fronte a super Isabel), Os Casás (fronte a Catro Camiños), Cantón de Cora, Avenida Bello Piñeiro (fronte ao casino), Avenida Bello Piñeiro (xunto á farmacia), Praza do Mercado, Francisco Vizoso (estanco), Camiño Grande (cruce rúa Estación), A Pedreira (Campo de fútbol), Praza de San Vitorio, Pazo das Condesas (fronte ao Bar Tilocha), rúa Peteiro (cruce rúa Piñabeta), O Baño (cruce rúa Cemiterio).

  • ROUPA E CALZADO

A implantación deste servizo con dous colectores que están situados na travesía de Apelón e na avenida Belo Piñeiro permite arroxar neste contedor todo o relacionado co téxtil, incluíndo roupa e calzado.

A outra vía aberta para reciclar roupa é trasladala ao Centro Solidario Municipal situado na avenida Belo Piñeiro e que o concello xestiona contando coa colaboración das Cáritas parroquiais. A diferenza entre as dúas vías vén dada pola calidade do material depositado, xa que a roupa entregada no Centro Solidario debe atoparse en bo estado mentres que nos colectores pode depositarse tanto roupa como calzado en mal estado, que poderán ser utilizados sen pasar por un proceso de reciclaxe.

  • RESIDUOS VOLUMINOSOS

Toda a información ao respecto da recollida de residuos voluminosos está a disposición na seguinte ligazón da web municipal:

IR Á LIGAZÓN Servizo de recollida de lixo e enseres

Back to top