O servizo de comedor escolar municipal é un servizo educativo, complementario, compensatorio e social, e resulta unha valiosa ferramenta de conciliación da vida familiar, laboral e persoal.
O Concello de Mugardos conta con dous comedores escolares municipais, o primeiro deles no CEIP Unión Mugardesa e no curso 2017-2018 púxose en marcha o segundo no CEIP Santiago Apóstol de Franza. Poden facer uso deste servizo os alumnos e alumnas de ámbolos dous centros.
O comedor escolar municipal situado nas dependencias do CEIP Unión Mugardesa (instalacións de 72 metros cadrados) ten en una capacidade de 58 comensais, podendo ser distribuídos en dúas quendas. No caso das instalacións do CEIP Santiago Apóstol (40 metros cadrados) conta con 24 prazas aínda que a previsión é que poidan chegar a ser o dobre de usuarios coa organización tamén de dúas quendas. O número de prazas e turnos teñen sido adaptadas este curso 2020.2021 pola normativa sanitaria de prevención de contaxios da COVID-19.
Os menús elabóranse de acordo con criterios de alimentación sana e equilibrada do alumnado, que figuran na guía “Menús saudables no comedor escolar” editada pola Xunta de Galicia.
O horario do comedor extenderase dende as 14.00 horas ás 15.00 horas. Por seguridade dos e das comensais, e agás os horarios das quendas de saída, as portas dos centros permanecerán pechadas durante o horario de comedor. Pola súa banda, o horario do almorzo poderase extender entre as 7.30 e as 9.00 horas.