A CONCELLERÍA DE MOBILIDADE SOLICITA Á DEPUTACIÓN UN NOVO PASO DE PEÓNS NA AVENIDA BELLO PIÑEIRO
A Concellería de Mobilidade comunicou que o pasado luns foi trasladada a solicitude formal á Deputación da Coruña dun paso de peóns á altura da farmacia de Bello Piñeiro (no Seixo).
O alcalde e concelleiro de Mobilidade Juan Domingo de Deus lembrou que nese punto o paso de peóns sería de utilidade para os usuarios da farmacia e tamén para os usuarios da parada de bus escolar que hai na contorna.
De Deus lembrou que segundo os arquivos municipais esta solicitude realizouse xa no ano 2017 pero nin a Deputación ni o anterior goberno continuaron a tramitación do expediente e a petición resultou desatendida. “O mesmo parece que ocorreu tamén no Seixo cunha sinalización vertical caída no cruce do Coruto desde 2018 e que pasou anos no chan sen que se dera unha solución por parte de ninguén”.
“Non entendemos a paralización das solicitudes da veciñanza do Seixo, moitas delas de arranxo sinxelo, porque estamos a ver que se estivo anos sen darlle solución ou negándoselle as temáticas de mobilidade e obras que son competencia municipal” sinalou o alcalde e concelleiro.
Desde o departamento de Obras confirman que nas últimas semanas procedeuse á reparación dun pocete na Avenida de Bello Piñeiro e das fugas de auga na Avenida do Seixo. “A fuga das Barcias estaba sen amañar desde fai anos porque, segundo comentaron os veciños da contorna, a anterior corporación comunicara que non procederían ao arranxo porque non era unha fuga senón un manantial natural da zona. “Obviamente este feito quedou desmentido pola realidade e a fuga (que non manantial) xa foi amañada” rematou Juan Domingo de Deus, que non quixo falar en ningún momento de abandono da zona “Centramos as nosas enerxías en traballar e mirar cara adiante, pero os veciños e veciñas do Seixo teñen que saber que as súas solicitudes serán atendidas ou polo menos valoradas”.