Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

MUGARDOS SOLICITA Á MANCOMUNIDADE UNHA POSTURA CONXUNTA ANTE A SAREB

A sociedade non firma desde fai meses convenios de cesión de vivendas na provincia coruñesa.

O alcalde mugardés Juan Domingo de Deus informou da solicitude realizada á xerencia da Mancomunidade para incluir na orde do día do órgano supramunicipal unha solicitude á SAREB para a posta a disposición das súas vivendas aos concello para o seu alugueiro social.

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ferrol está composta polos municipios de Mugardos, Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Ferrol, Narón, Neda e Valdoviño, e en neles, a SAREB conta con case 500 vivendas dispoñibles (134 en Mugardos, 69 en Ares, 7 en Fene, 76 en Ferrol, 74 en Cedeira, 126 en Narón, 2 en Neda e 8 en Valdoviño) así como case 150 parcelas libres, e ata 166 obras en curso.

“A unidade fai a forza, e nos tempos actuáis de crise enerxética e coa cesta da compra máis cara dos últimos anos, as administracións públicas e especialmente os concellos pola nosa cercanía á veciñanza, temos que tentar acadar os máximos recursos posibles que axuden a aliviar a situación as familias con máis dificultades” sinalou de Deus

Desde o goberno mugardés sinalan o alugueiro social como unha das mellores opcións para aliviar a situación das familias con menos recursos “Estamos a falar de poñer a disposición dos nosos veciños e veciñas vivendas que na actualidade están baleiras que o propio concello encargaríase de amoblar e preparar para as familias a cambio dun alugueiro variable en función da renda dispoñible”.

“Logo da comunicación da SAREB negando a posibilidade de ceder vivendas ao concello, seguimos traballando e buscando outros camiños para lograr sacar adiante o parque de vivendas para o alugueiro porque este proxecto é un unha necesidade da nosa veciñanza, e máis na nosa comarca, onde as familias están a sufrir un forte impacto polo actual marco económico. Estamos seguros de que na Mancomunidade e entre todos, poderemos acadar unha postura ante a SAREB positiva e constructiva” rematou o rexidor mugardés.

Back to top