Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

UN BANDO DA ALCALDÍA LEMBRA Á VECIÑANZA O USO OBRIGATORIO DA MÁSCARA FACIAL

O alcalde mugardés Juan Domingo de Deus Fonticoba fixo público hoxe un bando lembrando a obriga do uso da máscara facial con carácter xeral en espazos ao aire libre e pechados de uso público, segundo a resolución publicada pola Xunta o pasado sábado.

O bando fai un resumo dos espazos nos que a máscara facial é obrigatoria en toda Galicia a partir dos 6 anos, como nos paseos pola praia (non dando un baño ou tomando o sol na toalla), en medios de transporte (incluídos en vehículos de ata 9 prazas), ou nos ascensores (cuxa ocupación máxima será do 50%).

Lémbrase tamén que é obrigatorio o uso da máscara nos locais de hostalería: terrazas, bares e restaurantes. Nestes casos só poderá retirarse no momento xusto da consumición, e deberá ser posta de novo o resto do tempo que se permaneza no local, e que está prohibida a participación en “botellones” en todo o territorio galego.

Os asistentes aos cultos relixiosos, como a misa, e nos velorios (estes con restricións de 60 persoas en espazos ao aire libre e 30 persoas en espazos pechados), e 75 persoas na comitiva do enterro, deberán levar correctamente posta a máscara.

Outros espazos públicos onde é obrigado o uso da máscara facial son: zonas de espectáculos, zonas infantís ou áreas recreativas, e en feiras e mercados e mercadillos. Tamén en instalacións culturais e deportivas como bibliotecas, arquivos, museos, visitas guiadas, cinemas, teatros, auditorios, ximnasios e instalacións deportivas será obrigatorio levar una máscara correctamente colocada, así como en campamentos e actividades infantís (a partir dos 6 anos), parques infantís e biosaudables.

Neste sentido no bando reflíctese que a forma correcta do uso da máscara supón que esta deberá cubrir desde o tabique nasal ata o queixo, e que non deben ter válvula (excepto profesionais nos casos nos que o seu uso sexa recomendado).

Recoméndase así mesmo que as reunións familiares sexan contidas e reducidas pois son principais focos de contaxio.

Quedan excluidas do uso da máscara aquelas persoas con enfermidades ou dificultades respiratorias convenientemente acreditadas, persoas discapacitadas ou dependentes ou que non teñan autonomía persoal.

No interior dos vehículos cando os ocupantes que vaian no vehículo sexan conviventes, ou para facer deporte sempre que sexa posible manter a distancia de 2 metros non será obrigatorio tampoco o uso da máscara facial.

O alcalde lembra que “A responsabilidade de cada un pode ser a diferenza entre poñer en perigo aos demais e volver a un confinamento en caso de rebrotes ou ir gañando a loita ao coronavirus”.

Back to top