Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

¿POR QUE MUGARDOS ESTÁ INCLUÍDO NO PECHE PERIMETRAL?

Ante a lóxica pregunta que moitos mugardeses e mugardesas fixestes chegar ao goberno municipal por distintos medios de por que a Consellería de Sanidade incluíu a Mugardos dentro do peche perimetral, parece lóxico explicar os motivos que desde a propia Consellería e a xerencia da área sanitaria comunicáronnos durante os últimos días e en especial este xoves, durante a videoconferencia mantida co resto de alcaldes dos concellos afectados (Ferrol, Narón, Fene, Neda e Ares).

Son varias as preguntas que realizamos nese sentido, pois o status de non estar dentro dese perímetro parecía que proporcionaría á veciñanza menor mobilidade ao non poder entrar nos municipios perimetrados, e isto sobre o papel podería considerarse unha vantaxe.

Pero os expertos de  Sanidade cren que é mellor incluír a Ares e Mugardos dentro do perímetro pola evolución á alza que está experimentando o número de  contaxios en ambos concellos e pola súa tipoloxía. Este último dato é importante. Por, exemplo: Pontedeume está en nivel vermello pero non se incluíu perimetralmente porque aínda que o número de casos confirmados por PCR é moi elevado, os seus casos están moi localizados nun mesmo punto de contaxio, o cal está confinado e moi controlado, sendo o resto de casos pouco dispersos.

En Mugardos, aínda tendo un menor número de contaxios que Pontedeume, a evolución é máis difícil de controlar por estar os casos máis disipados. O que levou ás autoridades sanitarias a estimar que o seu control é máis difícil e a súa transmisión comunitaria moito maior. Isto último, unido á rápida evolución do número de casos en Mugardos (que nunha semana pasou de ter menos de 7 casos a alcanzar os 20 casos confirmados con PCR positiva) tívose en conta para tomar a decisión de incluír dentro do peche perimetral ao noso concello antes de que se alcancen valores descontrolados, xa que todos os indicadores actuais lamentablemente sinalan que os positivos poderían seguir aumentando nos próximos días.

Outra das causas desta decisión foi o aumento da presión hospitalaria e asistencial. 1089 casos activos na comarca (o 94% en domicilio), 46 en planta e 9 en UCI. A isto súmase a maior tensión asistencial en canto á fatiga do persoal sanitario e o aumento de casos que podería, se non se corta a tempo, colapsar o sistema sanitario ferrolán en poucas semanas.

O peche perimetral é unha fórmula de contención que xa se está usando noutras zonas de Galicia, e que está a ter unha evolución moi satisfactoria tanto na diminución da transmisión como na diminución da presión hospitalaria.

A evolución da pandemia avaliarase semanalmente entre as autoridades sanitarias e os alcaldes dos concellos afectados vía telemática, reunións das cales informaremos puntualmente.

Todos podemos ter opinións diversas e ata razoables sobre outros modelos, pero o mellor nestes casos é confiar nos profesionais que teñen formación e información sobre os modelos que conteñen mellor esta pandemia. Toca extremar as medidas, ser cautelosos e non relaxar a prevención. O virus non distingue entre contorna familiar ou doutro tipo, e calquera pode ser portador asintomático e levalo á casa. Fagámolo non só por nós mesmos, senón polos que máis queremos.

Back to top