Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DESENVOLVERÁ UNHA CAMPAÑA PARA CONCIENCIAR DO MAL USO DO SANEAMENTO

O concelleiro de Obras, Servizos e Medio Ambiente Jorge Kuntz informou hoxe da aprobación na comisión informativa da posta en marcha dunha campaña informativa para concienciar á veciñanza da importancia de non botar polo inodoro toalliñas húmidas, bastonciños ou máscaras faciais, que están a complicar enormemente a situación, xa de por si precaria, do saneamento municipal.

Nas últimas semanas producíronse 3 atascos na rede: no Cristo 26, en Bello Piñeiro 57 e o máis importante, no Cano da Rúa e Pixigo. En todos eles, o volumen de auga caída unido á acumulación na rede de toalliñas, basticiños, máscaras faciais, etc provocaron o atasco das válvulas antirretorno e a conseguinte inundación das vías.

Especialmente subliñable é o caso de Cano da Rúa e Pixigo, onde o concello xa realizou obras para o desvío de parte da auga que recollen ambas canalizacións, pero non son suficientes en días comos os pasados onde caeron en 20 minutos 7 litros por metro cadrado, cando a AEMET considera choiva torrencial 6 litros por metro cadrado nunha hora.

A situación neste caso concreto é complexa sinalou Kuntz, xa que o propio concello dispón dun informe técnico no que se fala de que “as obras desenvoltas nos últimos anos para canalizar as augas pluviais foron realizadas sen a debida coordinación, dado que deberíase deseñar toda a rede no seu conxunto, aínda que posteriormente fósese executando por tramos. E evidentemente deberíase empezar executando os tramos máis baixos que recollen máis caudal, construíndo progresivamente a rede augas arriba, evitando o incorrecto funcionamento da mesma, que nalgún punto vese excedida”.

O informe sinala que á falta de coordinación na construción da rede, súmase o descoñecemento das características e trazado, e falta de documentación da rede existente por parte da administración municipal, xa que inicialmente críase que a Avenida de Galicia dispoñía dunha antiga rede de sumidoiros de cachotería, con sección suficiente para recoller toda a rede de auga do núcleo urbán. Dita crenza resulto ser certa, pero só en parte, dado que na Avenida de Galicia se dispón desta infraestrutura, pero só no seu último tramo. Existe un tramo de aproximadamente 200 metros entre a rúa do mercado e o mencionado tramo que non dispón de ningún tipo de infraestrutura, máis aló dunha pequena canalización de recollida de pluviais e fecais. Nese corte da rede é onde se desvía todo o caudal recollido augas arriba pola rúa Cano da Rúa, que á súa vez desemboca na rúa María.

“Obviamente – continuou Kuntz- nin a rúa María, nin a rede en Cano de Rúa proxectáronse con esta previsión, dado que esta evacuación cara a esta rúa non era rexistrable, nin visible, e descoñecíase totalmente a magnitude do caudal que discorre por alí cando se producen precipitacións. De feito á vista do escasísimo efluente que presentaba a rede existente en Cano da Rúa no momento do seu rexistro, que se trataba unicamente da rede de fecais, que recollía a auga da fonte dos Catro Caños. Dita conclusión foi errónea, e foi tremendamente agravada pola construción da recollida de pluviais na Avenida dos Corzas e Avenida de Galicia, aumentando considerablemente o caudal no momento que se producen precipitacións, pola grandísima superficie de recollida que se presenta augas arriba. O mesmo problema trasládase á rúa María. Desgraciadamente as tres obras executáronse no mesmo prazo temporal, co que se producen problemas de inundacións nalgúns puntos do trazado”.

Kuntz confirmou que o devandito problema quedará resolto cando se execute o tramo da rede que aínda falta na Avenida de Galicia, e alíviese da sobrecarga á rede de Cano da Rúa e María, Mentres tanto, proxectáronse e realizáronse este verán os desvíos na rúa San Fernando cara a San Telmo e na Avenida de Galicia cara á rúa  do Casal para mitigar en parte o problema, e sen exceder a rede existente. Trátase dunha solución paliativa e temporal, en tanto non se executa o tramo previsto da Avenida de Galicia, tendo en conta o coñecemento que se ten da rede municipal.

Sobre este coñecemento da rede, Jorge Kuntz confirmou tamén que o concello invertirá na elaboración dun mapa GIS en 2021 que permita coñecer á perfección as redes subterráneas de tubaxes, cableados e instalacións, o que diminuirá o tempo de arranxo das avarías e permitirá coñecer en qué puntos son máis urxentes ou prioritarias as actuacións preventivas.

“Os custes destas inundacións son enormes, o primeiro para os veciños e veciñas afectados, o segundo para as arcas municipais, e o terceiro para o tempo que os operarios teñen que ocupar en realizar o traballo e a limpeza das zonas afectadas. Este é o motivo principal polo que instamos á poboación a ser responsables co que se bota á rede de saneamento. As toalliñas húmidas, os bastonciños, as máscaras faciais e demáis obxectos deben botarse ao lixo, non polo inodoro” rematou Kuntz.

Back to top