Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

PUBLICADA A PRIMEIRA LIÑA DE AXUDAS PARA OS AUTÓNOMOS E COMERCIANTES MUGARDESES

O goberno municipal informa de que mañá iníciase o prazo de solicitude das axudas PEL – REACTIVA, destinadas a financiar os gastos correntes das persoas traballadoras por conta propia ou autónomas e as microempresas radicadas en Mugardos, que se viran afectadas pola crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 e o estado de alarma de marzo.

Poderán ser beneficiarias das axudas as persoas traballadoras por conta propia, autónomas e micropemes que se viran afectadas polo estado de alarma de marzo que teñan o seu domicilio fiscal no municipio de Mugardos, e non estar incursos en ningún dos supostos que impiden o acceso ás axudas de entes públicos, e o importe das axudas irán dos 1500 euros para os autónomos sen traballadores ao seu cargo ata os 3.000,00 € para os que teñan entre 6 e 9 traballadores.

As solicitudes que cumpran cos requisitos establecidos nas bases reguladoras, puntuaranse de acordo cos criterios de valoración descritos nas propias bases, e os gastos subvencionables serán material antiséptico ou desinfectante, produtos hixiénicos e de limpeza, os arrendamentos de maquinaria, vehículos, locais ou instalacións, a adaptación de locais ás medidas de protección fronte á COVID-19 (biombos de protección, etc), os seguros de responsabilidade civil e seguros de accidentes, e subministros como auga, gas, combustibles, electricidade, etc.

O prazo de presentación das solicitudes das axudas estará aberto desde mañá 10 de novembro e ata o día 25 de novembro. As solicitudes deberán presentarse a través da Sede electrónica do concello, accesible a través da ligazón https://sede.concellodemugardos.gal e deberá realizarse utilizando o formulario de solicitude dispoñible na sede.

O Concello de Mugardos adheriuse o 5 de outubro ao programa PEL-REACTIVA: fondo de financiamento para a reactivación económica e social da provincia da Coruña, o que permite poñer en marcha esta liña de axudas por un importe total de 64.133,71 euros, para as que o Concello de Mugardos fixo unha aportación de 12.826,74 euros.

Miguel Mahía, Concelleiro de Facenda, confirmou que esta semana publicaranse tamén as axudas municipais “Mugardos Reactiva” que contan cun orzamento de 137.000 e que serán compatibles coa liña da Deputación.

Na seguinte ligazón pode accederse ás bases das axudas PEL – REACTIVA:

DESCARGAR PDF Axudas PEL – REACTIVA Concello de Mugardos

Back to top