Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO SOLICITA Á DIRECCIÓN XERAL DE TRÁFICO QUE SOLUCIONE AS INCIDENCIAS DETECTADAS NAS ALTAS E BAIXAS NO PADRÓN MUNICIPAL DE VEHÍCULOS

Desde o departamento de recadación municipal calcúlase que máis dunha treintena de veciños e veciñas estanse a ver afectados por esta incidencia.

Mugardos, 20 de maio de 2022. O concelleiro de Facenda, Miguel Mahía Prados, informou hoxe da solicitude realizada ao servizo tramitador de incidencias da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) para que, desde ese departamento, se tomen as medidas oportunas para solucionar a incidencia detectada no trámite dos cambios de domicilio dos vehículos e que ten como consecuencia que máis dunha trintena de veciños e veciñas viran duplicados os seus recibos de rodaxe.

Desde a Policía Local de Mugardos realizouse de oficio unha comprobación co servizo de Recadación municipal, en coordinación cos trámites efectuados na Oficina de Rexistro do concello así como coa ligazón existente de persoal funcionario coa DXT para o trámite de altas-baixas de vehículos.

Mahía explicou que dita incidencia consiste na non notificación da baixa do vehículo ao concello de orixe por parte da DXT, enviando ao Concello de Mugardos o alta e a baixa do vehículo, en lugar de enviar o alta e a baixa á administración que corresponda.

A modo de exemplo da incidencia detectada o concelleiro expuxo que “un veciño que cambiou o seu vehículo para Mugardos no ano 2021 está a recibir na actualidade a reclamación por falta de pagamento do concello de procedencia, e ao mesmo tempo váiselle a virar desde o Concello de Mugardos o recibo que lle corresponde ao estar aquí dado de alta. Ao comprobar esta situación no historial de tráfico do vehículo deste veciño, consta a nova dirección de Mugardos e a data de cambio de domicilio en tempo e forma, dando lugar a entender que o trámite se realizou correctamente”. 

O responsable do departamento económico municipal confirmou que “Contrastado este dato co servizo de Recadación Municipal, obsérvamos que na comunicación do ficheiro de altas e baixas de vehículos da DXT constan altas e baixas duplicadas por matrícula que xeran situacións nas que por exemplo, existen altas e baixas por igual para a mesma matrícula que recibe neste caso Mugardos, e que xeran a anulación do recibo. Outra circunstancia que estase a dar é que o Concello de Mugardos está a recibir as baixas que deberían de ser para os concellos de onde se traslada o vehículo, e que por tanto, non teñen constancia deste movemento e xera que estes sigan emitindo os seus recibos a pesar de que o vehículo xa consta noutro domicilio fiscal. Detectamos tamén que as persoas que realizaron os cambios de domicilio do seu vehículo en 2021, teñen no seu historial de tráfico todo correcto, pero as entidades locais descoñecen esta situación”.

Mahía finalmente quixo animar aos veciños e veciñas que detecten calquera tipo de incidencia con este recibo do imposto sobre os vehículos de tracción mecánica (máis coñecido como rodaxe), que non dubiden en poñerse en contacto co concello para que se lles revise por parte do departamento de recadación. 

Back to top