Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

LUZ VERDE AOS ORZAMENTOS 2022

O goberno prevé diminuir a presión fiscal sobre a veciñanza conxelando os impostos e rebaixando algunhas taxas

Mugardos, 19 de maio de 2022.- O concelleiro de Facenda Miguel Mahía anunciou hoxe a aprobación por parte do pleno dos orzamentos municipais do exercicio 2022 cun apoio histórico, xa que a aprobación foi ratificada con 11 votos a favor dos 12 posibles (pola ausencia dun concelleiro de Esquerda Unida), logo de que as contas presentadas polo goberno municipal foran apoiadas por todos os grupos municipais (Partido Popular, Partido Socialista e Esquerda Unida) agás o concelleiro nacionalista do Bloque, que finalmente votou en contra.

Mahía expuxo os termos xenerais das contas, nas que se recollen ata 1.653.003,94 euros en inversións que entre outras actuacións recollen 860.000,00 euros previstos para a construcción da nova biblioteca municipal, 148.774,64 euros previstos para a reforma integral do mercado municipal, 270.000 euros para a mellora de servizos e pavimentos nas rúas Peteiro e O Cristo ou 96.000 euros para a reurbanización da Avenida Bello Piñeiro. Tamén se recollen inversións de menor aportación de fondos municipais pero moi necesarias como a mellora de camiños municipais na rúa Coruto, Lodairo, Igrexa de Franza e O Galiñeiro, a pista multideporte do Baño ou a mellora de Beiramar, así como a adquisición de diverso material para a dotación dos servizos públicos municipais.

O orzamento está previsto que chegue aos 8.169.014,82 euros en gastos, dos que a partida máis importante, 1.247.386,28 euros, destinarase á asistencia social. Outras partidas moi destacadas tamén polo seu peso no total dos gastos previstos serán as destinadas á biblioteca (pola inversión na construcción do novo edificio), os máis de 550.000 euros destinados ao alcantarillado ou os 467.000 euros adicados ao servizo de prevención e extinción de incendios.

No relativo aos ingresos, tamén previstos nos 8.169.014,82 euros, o responsable do departamento económico municipal puxo o foco na diminución da presión fiscal sobre os veciños xa que a previsión para este ano é manter as ordenanzas municipais que regulan o cobro de impostos, e modificar á baixa algunhas das ordenanzas fiscais que regulan as taxas municipais, como xa se está a facer coa taxa da escola infantil.

As contas agora pasan á fase de exposición pública, e durante 15 días hábiles desde a súa publicación no BOP poderanse presentar reclamación ás mesmas.

O concelleiro quixo destacar destas contas que “é a primeira vez que un orzamento municipal mugardés recibe un respaldo tan maioritario e case unánime de todas as forzas políticas presentes no plenario. E este apoio é consecuencia do intenso traballo desenvolto, hai moito diálogo e moita negociación detrás destes votos, e estamos moi orgullosos do resultado. Agora queda o máis difícil, lograr poñer en marcha todas as inversións recollidas nestas contas. Sabemos que vai ser duro, pero moi gratificante. Pensar que, por exemplo, a nova biblioteca municipal poder ser unha realidade nuns meses é unha motivación inigualable. Paga a pena por aportar o noso pequeno gran de area na construcción dun novo futuro para Mugardos”. 

Back to top