Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE MUGARDOS AVANZA NA LICITACIÓN DE 5 NOVAS INVERSIÓNS POR MÁIS DE 450.000 €

O Alcalde de Mugardos Juan Domingo de Deus informou hoxe de que neste mes de xaneiro o goberno municipal avanzou na contratación de novas empresas por un importe total de máis de 450.000 € para a execución de obras de abastecemento, mellora de camiños municipais e do aparcamento do CPR Loyola, así como na contratación dos novos servizos do comedor escolar e  do Caldoval.

En concreto trátase da contratación dunha nova empresa de xestión do comedor escolar municipal, o que redundará no crecemento do servizo, xa que mellorará o menú (tanto no xantar como no almorzo), engadiranse máquinas para manter quentes os pratos, incorporaranse novos criterios nutricionais na confección dos menús e outras melloras na xestión. Estes traballos teñen un importe de licitación máximo de 176.319,28 € anuais.

Seguindo no ámbito escolar, neste mes avanzouse tamén na contratación da empresa encargada dos traballos no aparcamento do CPR Loyola e a súa contorna, facilitando tamén a accesibilidade peonil, o que mellorará a seguridade da comunidade educativa e da veciñanza da zona. O importe máximo das obras está fixado nos 57.469,68 €.

No que atinxe ao Centro de Interpretación do Caldoval, trabállase na adxudicación dunha nova empresa da explotación do centro co obxectivo de que, continuando na liña levada ata o momento, poda promoverse e difundirse o coñecemento do Caldoval, ampliar as actividades e as visitas, e por suposto convertir o centro de interpretación municipal nun referente dos xogos e xoguetes romanos dada as características do xacemento, poñendo en valor a riqueza patrimonial do municipio.  Este contrato ten un importe de licitación máximo de 115.702,48 €.

No referente ás obras de ampliación da rede municipal de abastecemento de auga potable no Vilar (Franza) e na rúa Yañez Badia, incluidas no POS ADICIONAL 1/2019, a mesa de contratación acordou requerir a catro dos licitadores unha xustificación para as súas ofertas económicas que foron consideradas anormalmente baixas. O importe de licitación destas obras está fixado en 47.056,38 €.

O expediente relativo ao acondicionamento de viais e camiños municipais, incluidas no POS+ ADICIONAL 2/2020 por un importe de licitación máximo de 66.834,10 euros, quedou xa pendente do derradeiro trámite administrativo que é a adxudicación definitiva pola Xunta de Goberno Local. O alcalde lembrou que os camiños nos que terán lugar as obras son o da Redonda de Abaixo, a Cruz de Mehá, as Fieteiras, Franza de Abaixo, Celso Emilio Ferreiro e Boado.

De Deus quixo destacar que “2022 vai ser un ano intenso no que  á mellora dos servizos municipais se refiere, así como no número de obras que temos pensado levar a cabo desde o Concello. Son moitos os proxectos a desenvolver ao longo deste ano”.

Nesta liña, o alcalde adiantou que o goberno municipal traballa xa nos expedientes das novas licitacións previstas que estarán centradas na limpeza e nos servizos sociais.

Así, confirmou que o concelleiro de Servizos Jorge Kuntz está xa rematando a posta  en marcha do novo servizo de rozas de vías, que permitirá mellorar a limpeza dos viais municipais. Este servizo complementarase coa contratación dunha empresa á que se lle encomendará o coidado de parques, xardíns e zonas verdes de todo o municipio. “Desde o goberno municipal temos como prioridade para 2022 a transformación total do servizo de limpeza do Concello. En poucas semanas  agardamos  ter  estes  dous novos servizos en funcionamento”.

O alcalde tamén sinalou que Ana Varela, Concelleira de Benestar Social, traballa na inminente contratación dunha nova empresa para a prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que permitirá ampliar os servizos á veciñanza “As necesidades dos dependentes e as súas familias son moitas e dende o goberno municipal imos ampliar o servizo municipal para mellorar a calidade de vida dos usuarios, favorecer a súa autonomía e permitir que se manteñan o maior tempo posible na súa contorna de convivencia. Tamén incorporaremos a fisioterapia, a podoloxía e a perruquería como servizos complementarios”.

Back to top