O CONCELLO DE MUGARDOS AMPLIARÁ OS CONTEDORES DE RECICLAXE DE ENVASES E PAPEL MEDIANTE UN ACORDO CON ECOEMBES
O Concello de Mugardos formalizou un acordo de colaboración con Ecoembes para mellorar o servizo de recollida selectiva de residuos no municipio mediante a incorporación de novos contedores na vía pública.
A través deste acordo, Ecoembes asumirá o custo derivado da adquisición de contedores para a recollida selectiva de envases lixeiros (contedor amarelo), cunha achega máxima de 3.000 € (IVE non incluído), así como de contedores para papel e cartón (contedor azul), cun financiamento máximo de 4.600 euros (IVE non incluído).
Estes contedores pasarán a ser de titularidade municipal tras a firma do acordo, aínda que Ecoembes encárgase de sufragar o custo do servizo co obxectivo de mellorar a calidade da recollida selectiva no municipio.
Ademais, o acordo contempla a colaboración entre ambas as entidades no seguimento continuo dos resultados do servizo, o que permitirá optimizar o seu funcionamento e mellorar a eficiencia do sistema de reciclaxe.
O concelleiro de Obras, Servizos, Medio e Tics, Jorge Kuntz, destacou que “este acordo permítenos mellorar o servizo de recollida selectiva sen custo directo para o Concello, incrementando os medios dispoñibles e facilitando aos veciños a reciclaxe”.
Así mesmo, sinalou que “seguimos traballando para avanzar cara a un modelo máis sostible, mellorando tanto as infraestruturas como a concienciación ambiental no municipio”.
Con esta iniciativa, o Concello de Mugardos reforza o seu compromiso coa sustentabilidade e a mellora dos servizos públicos.