O CONCELLO IMPULSA A CONTRATACIÓN DA BRIGADA FORESTAL PARA A PREVENCIÓN DE INCENDIOS
O Concello de Mugardos iniciou o procedemento de contratación da brigada forestal municipal, co obxectivo de reforzar os labores de prevención de incendios e mantemento das zonas forestais do municipio.
O desenvolvemento do programa de actuacións previsto queda condicionado á contratación temporal de cinco operarios, necesarios para a correcta conformación do equipo.
Neste sentido, cabe lembrar que nos últimos anos non foi posible constituír a brigada forestal debido á imposibilidade de cubrir determinados postos clave, como o de xefe de brigada ou o de condutor, o que impedía completar o equipo nas condicións requiridas.
O concelleiro de Obras, Servizos, Medio e Tics, Jorge Kuntz, sinalou que “a posta en marcha da brigada forestal é fundamental para avanzar na prevención de incendios e no mantemento dos nosos montes”.
Así mesmo, destacou que “agardamos que nesta ocasión sexa posible cubrir todas as prazas necesarias para poder executar o programa de actuacións previsto e dar así un mellor servizo ao conxunto do municipio”.
Con esta iniciativa, o Concello de Mugardos continúa traballando na mellora da xestión forestal e na protección da contorna natural.