Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE MUGARDOS CONSEGUE A SUBVENCIÓN PARA A LIMPEZA DE PRAIAS NO VERÁN

O Concello de Mugardos recibiu unha subvención da Deputación para a prestación do servizo de limpeza e mantemento de praias durante a tempada estival de 2026. O servizo desenvolverase entre o 1 de xullo e o 30 de setembro, abarcando un total de tres meses, co obxectivo de garantir que o areal da fronte marítima do porto de Mugardos mantéñase en óptimas condicións de uso, hixiene e seguridade.

A zona de actuación conta cunha superficie aproximada de 12.000 m2 e presenta un nivel de ocupación alto durante os meses de verán. Dispón alén de equipamentos como aseos, duchas, papeleiras, paneis informativos e accesos tanto desde o paseo marítimo como desde o parque Rosalía de Castro.

O contrato contempla todas as actuacións necesarias para o correcto mantemento da praia, incluíndo a limpeza e recollida de residuos, a retirada de algas cando a súa acumulación resulte molesta para os usuarios, así como a nivelación da superficie e o rastrillado da area, co fin de manter unhas condicións hixiénico-sanitarias óptimas durante toda a tempada.

Así mesmo, a empresa adxudicataria deberá contar cos medios materiais e humanos necesarios para garantir a adecuada prestación do servizo durante todo o período. O orzamento do contrato ascende a 34.000 euros (IVE incluído).

O concelleiro de Obras, Servizos, Medio e Tics, Jorge Kunt, sinalou que “esta subvención permítenos garantir que as nosas praias estean en perfecto estado durante os meses de maior afluencia, ofrecendo un servizo adecuado tanto a veciños como a visitantes”. Ademais, destacou que “o mantemento da praia é fundamental non só desde o punto de vista ambiental, senón tamén para a imaxe do municipio e o desfrute dos espazos públicos”.

Cabe sinalar que este tipo de subvencións circunscríbense a espazos de titularidade ou competencia municipal, polo que determinadas zonas do litoral non poden ser incluídas neste programa ao depender doutras administracións, como Demarcación de Costas ou Portos de Galicia, como as inmediacións do Porto do Seixo entre outras.

Neste sentido, o Concello continúa traballando na coordinación coas administracións competentes para mellorar o estado do conxunto da fronte litoral. Con esta actuación, o Concello de Mugardos reforza o seu compromiso coa calidade dos servizos e o coidado da contorna litoral.

Back to top