Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

NOVOS UNIFORMES PARA AS TRABALLADORAS MUNICIPAIS DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR

Ana Varela, concelleira de Benestar Social e Igualdade, informa do inicio da adquisición de novo material para as traballadoras municipais do servizo de axuda no fogar.

Xa foron adquiridos e entregados os novos uniformes (dous por traballadora) e nas próximas semanas renovaranse os tensiómetros e os termómetros utilizados na atención aos usuarios e usuarias do servizo. Por suposto, seguen a manterse os equipos de protección (EPI`s) na atención directa aos usuarios (pantallas, luvas e máscaras) que non está previsto retirar polo momento.

A concelleira quixo aproveitar para facer unha valoración da prestación do servizo durante os meses de confinamento, valoración que deu como resultado un sentido agradecemento ás traballadoras municipais do servizo polo que Varela considerou un traballo excepcional “Non tivemos ningún contaxio durante estas semanas, o que resulta especialmente importante dado que se trata dun traballo de moito contacto con poboación especialmente sensible.”.

O goberno municipal fixo un esforzo por incorporar a todos os solicitantes do servizo de axuda no fogar durante a pandemia “Logo de analizar a situación, decidimos que nun momento tan complicado ningún solicitante podía quedar en lista de agarda durante o coronavirus, así que fixemos todos os trámites para a súa incorporación. Houbo persoas que preferiron non iniciar o servizo ata despois da corentena, e nestes momentos xa estamos a traballar na súa incorporación, para o que estamos a contar cunha empresa que reforza o servizo, chegando xa a un total de 70 usuarios e usuarias” engadiu a concelleira.

Para rematar, Ana Varela anunciou que esperan cubrir a semana próxima a vacante da traballadora municipal que existe neste momento, así como poder iniciar a tramitación do ingreso mínimo vital no concello, logo de que o persoal municipal reciba a formación por parte do Instituto Nacional da Seguridade Social.

Back to top