Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

NOVA REUNIÓN DE TRABALLO ENTRE O ALCALDE DE MUGARDOS E A CONSELLEIRA DE INFRAESTRUTURAS E MOBILIDADE

Juan Domingo de Deus e Ethel Vázquez reuníronse a pasada semana en Santiago para abordar o tema do transporte metropolitano e as obras máis demandadas no municipio mugardés 

Mugardos, 28 de febreiro de 2022. O alcalde de Mugardos e concelleiro de Urbanismo e Mobilidade, Juan Domingo de Deus, mantivo o pasado día 24 de febreiro unha nova reunión de traballo na Consellería de Infraestructuras e Mobilidade coa súa titular, Ethel Vázquez. Neste encontro se tratou en profundidade o tema do transporte metropolitano (unido ao reforzo de marquesinas e paradas de bus) e as actuacións máis demandadas nestes momentos como o paso de peóns en Picado e o pintado da parada do bus fonte ao bar Triskel, unha nova travesía na Pedreira como acceso no remate da vía rápida, e a mellora na sinalización nas contornas dos centros de ensino, entre outras.

Logo de actualizar a situación dos proxectos en marcha máis relevantes da Consellería na vila, como son a obra da senda Rilo – Franza e a aprobación do proxecto da senda Peteiro – O Baño, Ethel Vázquez confirmou que ambas actuacións avanzan ao ritmo previsto e que unha vez aprobado o proxecto Peteiro-O Baño, presentarase no Concello para o coñecemento da veciñanza.  

A situación do transporte metropolitano foi o tema central do encontro, logo de que o alcalde trasladase a necesidade de adaptar de novo os horarios dos buses, en consonancia coas solicitudes trasladadas pola veciñanza nestas últimas semanas. “Non só trasladamos as demandas da veciñanza á Conselleira, tamén seguimos en contacto semanal coa Dirección Xeral de Mobilidade, á que na última comunicación trasladamos novamente a necesidade de reforzar o servizo de transporte nocturno, a ser posible ata as 23.00 horas. O transporte metropolitano non é competencia municipal pero consideramos que o goberno está a facer un traballo de canalización da información entre a Xunta e os usuarios que, ainda que de xeito lento, está a dar os seus froitos” sinalou De Deus, quen confía en que nas vindeiras semanas logre normalizarse o servizo.

En canto ás actuacións que o goberno municipal valora como máis necesarias e urxentes, todas elas xiran en torno á seguridade viaria, como a mellora na sinalización (especialmente nas contornas nos centros de ensino), a instalación dun paso de peóns na zona de Picado, e un novo acceso no final da vía rápida na Pedreira.

Ao respecto destas actuacións, a Conselleira comprometeuse a solicitar os informes oportunos aos técnicos do seu departamento para analizar a súa viabilidade. “Esperamos boas novas nas vindeiras semanas, xa que desde o noso punto de vista, todos os temas que foron plantexados teñen viabilidade técnica e a súa necesidade é clara, pero obviamente comprendemos que a dificultade técnica e a necesidade de recursos de todos eles non é a mesma” aclarou o alcalde.

Para rematar, Juan Domingo de Deus quixo agradecer a Ethel Vázquez o seu traballo e compromiso con Mugardos. “O investimento e esforzo que está a facer a Consellería de Infraestructuras e Mobilidade en Mugardos é moi importante e, personalmente, agradezco á Conselleira a súa predisposición ao diálogo e o compromiso con Mugardos”.

Back to top