Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO REPARTE CHALECOS REFLECTORES GRATUITOS PARA PEÓNS

A campaña desenvólvese conxuntamente entre a Concellería de Mobilidade e a Policía Local

Mugardos, 25 de febreiro de 2022.- O alcalde e concelleiro de Mobilidade, Juan Domingo de Deus, recordou que continúa en marcha a Campaña de Seguridade Vial para os Peóns, consistente no reparto gratuito por parte da Policía Local de chalecos reflectores. Os interesados en dispoñer dun chaleco para realizar as súas andainas e desprazamentos a pé, só teñen que poñerse en contacto coa Policía Local de Mugardos, nas súas oficinas situadas na parte traseira do Concello ou chamando por teléfono ao 629 416 969.

De Deus destacou a relevancia desta campaña dentro da estratexía de mobilidade desenvolta desde o seu departamento. “Seguimos traballando na promoción dos desprazamentos a pé entre a veciñanza, e os chalecos reflectores son unha ferramenta indispensable para a mellora da seguridade dos peóns cando circulan polos viais e pistas do concello. Nós poñemos os medios, e os peóns deben úsalos, especialmente aqueles que se desprazan pola noite polas pistas e rúas municipais, co obxectivo de evitar os atropelos derivados da falta de visibilidade”.

O alcalde lembrou a aposta do seu goberno no desenvolvemento de infraestructuras de mobilidade que aporten a máxima seguridade nos desprazamentos para os mugardeses. “Apostamos polas sendas peonís e ciclistas, e nestes anos desenvolvéronse en colaboración coa Xunta de Galicia as sendas Mugardos – Ares e Rilo – Franza, e nos próximos meses estará xa lista a senda Peteiro – O Baño”.

De Deus quixo poñer en valor a aposta polas sendas para os desprazamentos, pola mellora da seguridade vial e o impacto positivo que ten camiñar na saúde “Animamos aos mugardeses a desprazarse polo concello sempre que poidan camiñando e desfrutando das nosas paisaxes”.

Back to top