Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

MUGARDOS REMATA A INSPECCIÓN DAS PALMEIRAS SEN DETECTAR MÁIS AFECTACIÓNS POR PICUDO VERMELLO

A concellería iniciou xa o tratamento preventivo en todos os exemplares

O concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Kuntz, informou hoxe do remate dos traballos de inspección e avaliación levados a cabo nas palmeiras sitas en espazos públicos para o tratamento e a prevención do picudo vermello.

Nun primeiro momento procedeuse á inspección visual, co obxectivo de detectar a presenza do Rhynchophorus ferrugineus ou Picudo Vermello, mediante o recoñecemento da dexeneración ocasionada na zona superior da palmeira, típica consecuencia da actividade do coleóptero.

Kuntz confirmou que tanto no xardín do edificio do Concello como no paseo marítimo de Mugardos detéctaronse palmeiras afectadas polo coleóptero.

A presenza de picudo vermello nestes exemplares pode evolucionar no corte da xema apical provocando a morte da palmeira e un enfraquecemento estrutural da coroa, derivando nun colapso da pranta.

“O elevado grao de afección por picudo vermello pode provocar situacións de risco, polo que animamos á veciñanza a inspeccionar os exemplares que poidan ter nas súas parcelas para evitar perigos polos danos que o picudo pode ocasionar nas palmeiras, que poden chegar a caer” sinalou o edil.

Así, co fin de evitar a propagación da praga e manter un correcto estado sanitario das prantas, decidiuse iniciar o tratamento insecticida apropiado de forma periódica nas palmeiras situadas no xardín do edificio do Concello e no paseo marítimo de Mugardos.

Back to top