Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

ÉXITO DA CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE AXUDA PARA UCRAÍNA

O goberno municipal decidiu manter aberto o punto de recollida de axuda para a asociación AGA Ucraína

Mugardos, 25 de marzo de 2022. Como “tsunami solidario” foi calificada pola concelleira de Benestar Social, Ana Varela, a campaña de recollida de axuda para Ucraína, realizada polo Concello de Mugardos en colaboración con AGA Ucraína, logo de facer onte á tarde a primeira entrega de material na sede da asociación sita en A Coruña.

“Fixemos a primeira entrega cos dous vehículos de Protección Civil completamente cheos, incluido o remolque. E digo a primeira, por que agora mesmo pensamos que quedan polo menos dúas ou tres entregas máis” sinalou Varela, deixando clara a satisfacción polo éxito da recollida.

“Os veciños e veciñas estanse a volcar con esta campaña. As camionetas onte marcharon para Coruña cheas de comida, roupa, mantas, productos de hixIene, de todo… Tamén no Unión Mugardesa recolleron moito material e por suposto agradecemos a súa colaboración” engadiu Varela.

Desde o departamento de Benestar explicaron que o material recollido no Concello é clasificado en función da súa tipoloxía e colocado en caixas debidamente pechadas e rotuladas, para facilitar a súa categorización posterior nos almacéns da asociación.

Igualmente desde o Concello confirmaron que se mantén aberto o punto de recollida e animaron á veciñanza a seguir colaborando. Así, as persoas interesadas en entregar material poderán facelo de 9.00 a 14.00 horas de luns a venres no servizo de atención ao público sito no baixo da Casa do Concello. Roupa (especialmente de abrigo), comida non perecedeira (tamén para bebés), material sanitario (alcol, auga osixenada, antisépticos, gasas, soro fisiolóxico, esparadrapo, vendas, talco, tiritas, luvas de látex ou vinilo, máscaras, etc) e outro tipo de material como sacos de durmir, mantas, esterillas, tendas de campaña e colchóns, todo tipo de produtos de hixiene persoal, toalliñas húmidas, baterías externas, kit de costura, mistos impermeables, chisqueiros ou cordas, son os obxectos máis demandados. Ana Varela quixo lembrar que “logo dun mes, o pobo ucraíno necesítanos máis ca nunca. Miles e miles de persoas seguen fuxindo do horror da guerra, e nós podemos axudar a mitigar a súa dor e cubrir algunhas das súas necesidades máis básicas”.

“Como concelleira é un orgullo ver a solidariedade do noso pobo e personalmente é moi emocionante poder coordinar este dispositivo municipal que pretende ser de axuda para que tantas e tantas persoas que neste momento están a vivir unha situación moi dura, poidan ver que non están soas, que poden contar connosco” rematou a concelleira.

Back to top