Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A XUNTA DE GOBERNO INICIA OS EXPEDIENTES DE LICITACIÓN DAS OBRAS NO PENEDO, EN FRANZA DE ABAIXO E NO PORTO

Mugardos, 24 de marzo de 2022. O goberno municipal ven de iniciar hoxe os procesos de contratación das obras de mellora dos camiños municipais da rúa do Penedo e Franza de Abaixo, e a obra de mellora da rede de pluviais no porto, incluidas no POS+ 2021.

Na rúa do Penedo proxéctase a mellora da canalización da rede de pluviais desde o vial autonómico DP-3504 que continúa ata os límites de propiedade da empresa Reganosa, incluíndo 2 pequenos ramais, un á dereita e outro á esquerda, cunha lonxitude de 194 metros. Inclúese dentro das actuacións previstas tamén a instalación de sistema de recollida e conducción das augas de escorrentía mediante caz, sumidoiros e tubaxes enterradas, así como a renovación do firme.

En Franza de Abaixo proxéctase a mellora do firme no vial principal, así como en dous dos ramais que parten deste principal e que unen o camiño de San Vitorio co camiño de Franza de Arriba. Contémplase a instalación do sistema de recollida de pluviais mediante canlón, caz e sumidoiros no viario, realizando a recollida mediante un colector enterrado dende a súa conexión por gravidade ata a canalización existente. Complétase a actuación coa reposición completa do firme así como a actualización da sinalización horizontal e vertical.

O orzamento base destas actuacións en O Penedo e  Franza de  Abaixo alcanza os 62.097,02 euros (IVE incluído).

No que se refire á obra prevista no peirao, o saneamento de toda a fachada marítima (tanto de augas fecais como pluviais) concentrouse sempre no punto de intersección entre a Avenida de Galicia e a Avenida do Mar (paseo marítimo), traducíndose en acumulacións de auga recorrentes en épocas de choiva, que provocan graves molestias tanto á veciñanza da zona, como aos transeúntes e usuarios dos negocios hostaleiros situados no peirao. Establécese como obxecto principal destas as obras polo tanto, a reconducción das augas pluviais do extremo norte do paseo para a súa vertedura nun punto máis próximo que permita alcanzar unha pendente mínima para os colectores, garantindo así a evacuación das augas.

O orzamento base de licitación das obras no porto, con IVE incluído, sitúase nos 31.867,71 euros.

Jorge Kuntz, concelleiro de Obras e Servizos municipal, sinalou que estas dúas actuacións incluídas no Plan de Obras e Servizos 2021 está previsto acometelas ao longo deste ano “As actuacións no Penedo e Franza, así como as obras previstas no peirao, teñen un prazo de execución duns 3 meses aproximadamente, co que haberá que facer unha planificación promenorizada dos traballos para interferir o menos posible no normal desenvolvemento da circulación nas zonas”.

Back to top