Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

FIN DE SEMANA CHEA DE EVENTOS NO CONCELLO MUGARDÉS

Rondallas, Bateis e a merecida homenaxe a Pepe Deus farán de Mugardos unha vila chea de actividades

Mugardos, 25 de marzo de 2022. Esta fin de semana, Mugardos será un fervedoiro de xente e actividades co Certame das Rondallas, a III Bandeira Concello de Mugardos de Bateis e a homenaxe a Pepe Deus.

Desde o venres pola tarde, coa ronda polo Seixo da Rondalla Mugardesa – a derradeira destas pepitas – encheranse as rúas de música e tradición.

A tarde do sábado chegará cargada de historia mugardesa unindo música e mar, coa celebración do Certame de Rondallas e a III Bandeira Concello de Mugardos de Bateis.

No caso do Certame de Rondallas, presentado por Anabel Bello Platas e cuxo inicio está previsto ás 18.30 horas, virá precedido do desfile das rondallas Añoranzas, Club do Campo, Só Elas, Sonidos del Alba, Bohemios e Rondalla Mugardesa ás 17.30 horas desde o peirao ata o Casino Mugardés polas rúas Avda. de Galicia, Real, María, Os Corzas e Cotellón entre outras. Finalmente, a Rondalla “Os Trovadores” de Ares non poderá participar no acto por motivos alleos á organización municipal.

III Bandeira Concello de Mugardos de Bateis, organizada polo Club do Mar en colaboración co Concello de Mugardos, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, dará comezo ás 16.00 horas. Logo de dous anos, este sábado volve a competición de bateis ao peirao mugardés, onde a veciñanza mugardesa e o público en xeral está convidado a participar, desfrutar e animar ás tripulacións participantes.

Para rematar a intensa fin de semana, o concello e o Club do Mar organizan o domingo ás 12.00 horas no Cantón de Cora unha emocionante Homenaxe a Pepe Deus, ilustre, querido e admirado mugardés. Durante a homenaxe descrubrirase unha placa instalada na fachada do Club do Mar. “Convidamos á veciñanza a saír á rúa e desfrutar desta fin de semana chea de eventos e de tracición con música, deporte, mar e o noso querido Pepe Deus. Pouco a pouco volve a normalidade e desde a Concellería de Cultura e Deportes estamos xa a preparar un calendario de eventos co que esperamos encher as rúas de Mugardos” sinalou a concelleira de Cultura e Deportes Begoña Roldós.

Back to top