ABERTA UNHA LIÑA DE AXUDAS DIRECTAS PARA AS FAMILIAS USUARIAS DOS COMEDORES ESCOLARES MUNICIPAIS
A Concellería de Benestar vén de aprobar por procedemento de urxencia unha liña de axudas directas para os usuarios e usuarias dos comedores escolares municipais que, debido á declaración do estado de alarma e a suspensión do servizo, puideran verse perxudicados.
O importe do menú do comedor escolar municipal é bonificado polo Concello para moitos dos usuarios, que dependendo da situación económica poden ter ata un 100% de bonificación.
As axudas económicas consistirán na emisión dun vale polo importe total que o Concello tería abonado por cada usuario do comedor desde que o servizo se suspendeu o 16 de marzo.
Poderán solicitar a axuda aqueles que tiveran a condición de comensais tanto no comedor de Unión Mugardesa como no de Santiago Apóstol, e da Escola Infantil “As Lagoas”, e cuia renta sexa igual ou inferior ao 150% do IPREM. As familias con rendas inferiores ao 100% do IPREM recibirán 2,5 € por día, e as que teñan entre o 100% e o 150% do IPREM recibirán 1,5€ por día.
As axudas poderán solicitarse a través da sede electrónica do concello (sede.concellodemugardos.gal) ou no caso de non dispoñer de certificado dixital, a través do correo correo@concellodemugardos.gal. Nese correo poderá achegarse cuberta e asinada a instancia de solicitude, así como a documentación requirida, dependendo das circunstancias persoais do solicitante.
O prazo para presentar as solicitudes comeza mañá sábado 18 e remata o próximo mércores 22 de abril. A solicitude a presentar para acceder á axuda pode descargarse na seguinte ligazón:
DESCARGAR PDF Solicitude de axuda compensatoria pola suspensión do servizo de comedor