Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A XUNTA DE GOBERNO LOCAL INICIA A LICITACIÓN DAS OBRAS EN CAMIÑOS DO CORUTO, GALIÑEIRO, LODAIRO E NA IGREXA DE FRANZA

Esta semana, a Concellería de Obras e Servizos ten previsto tamén avanzar no expediente das obras en Rosalía de Castro, a limpeza do río Baa e a colocación de marquesiñas

O concelleiro de Obras e Servizos, Jorge Kuntz, informou hoxe do inicio da licitación municipal das obras de arranxo e asfaltado dos camiños municipais no Coruto, Igrexa de Franza, Lodairo e Galiñeiro, que contan cun orzamento de 119.320,80 euros..

As obras nos camiños municipais consistirán nunha actuación por parroquia, especialmente en zonas que padecen na actualidade problemas por firmes defectuosos, así como unha intervención máis profunda na zona do Galiñeiro por tratarse dun espazo no que, coa caída de chuvias incluso febles, os veciños e veciñas están a sufrir problemas de asolagamentos. O importe total das actuacións na mellora de camiños ascenderá a 119.320,80 euros.

Así mesmo, o concelleiro informou que esta semana está previsto asinar o contrato entre o Concello e o licitador para o inicio das obras na rúa Rosalía de Castro, que desde a concellería de Obras esperan que se inicien antes de finalizar o ano.

“A contratación de obras públicas están a ser enormemente problemáticas para todos os concellos, como xa sublimaron a FEMP e a FEGAMP nas últimas semanas, polas subas dos prezos e os problemas de abastecemento de materiais. O esforzo do Concello de Mugardos por poñer en marcha as obras e servizos públicos é evidente, superando xa as 20 licitacións so no ano 2022 e esperamos iniciar algunha máis antes de rematar o ano, especialmente aqueles proxectos xa licitados nos que non se presentou ningún licitador, logo de ter que revisados todos eses proxectos durante estes meses” sinalou Kuntz.

Por outra banda, o concelleiro informou do avance dos traballos de limpeza das marxes do río Baa que está a acometer o Concello. “As tarefas de limpeza e conservación do Baa son imprescindibles para o mantemento da súa contorna e a prevención do risco de inundacións, especialmente no inverno” apuntou Kuntz.

No relativo á colocación das marquesiñas que está a realizar a Xunta de Galicia e que desde a Concellería de Obras estase a coordinar, Kuntz sinalou que “a Xunta de Galicia rematou xa a colocación da marquesiña da Pedreira e a de Simou, respondendo a unha demanda da veciñanza trasladada polo goberno municipal”.

Back to top