A INFLACIÓN E OS PROBLEMAS DE ABASTECEMENTO LASTRAN AS LICITACIÓNS MUNICIPAIS
Ata 7 expedientes por máis de 600.000 euros quedaron desertos ou se produciu a renuncia posterior do adxudicatario
O concelleiro de Obras e Servizos, Jorge Kuntz, informou hoxe da oleada de licitacións desertas que está a sufrir a actividade contratadora do Concello a causa da suba dos prezos e as dificultades no subministro de materiais.
“Por moitas ferramentas que a tramitación administrativa nos dé, o efecto máis grave é a imposibilidade de facer as obras ou adquirir os subministros, e ese é un perxuizo directo para a veciñanza. O certo é que as empresas non concursan pola falta de rendabilidade a causa da inflación e o incremento do custo da enerxía e dos combustibles, así como pola dificultade das subministracións de materiais” sinalou o concelleiro, que continuou inidicando que “o do coche da Policía Local é o mellor exemplo, xa que esta é a segunda licitación nos últimos 2 anos, co inxente traballo de informes, acordos, proxectos e demáis trámites que supón. Primeiro non se presentou ningún licitador, modificamos os pregos, volvemos licitar, lógrase a adxudicación e logo de catro meses esperando, resulta que o adxudicatario renuncia” sinalou o concelleiro. “É certo que a lei permítenos tomar medidas contra este adxudicatario, pero o dano para a veciñanza está aí”.
As causas principais do problema das licitacións están a afectar en todo o país, e tanto desde a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), como desde a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), a Confederación Nacional de la Construcción (CNC) ou a Asociación Provincial de Empresarios de la Construcción de A Coruña (Apecco), falan desta problemática “Podemos ver constantemente declaracións de todas estas institucións e moitas outras falando de incremento desmesurado de custes, , paralización da actividade, problemas de subministro e desabastecemento de materiais” subliñou Kuntz.
A maiores do vehículo da Policía Local, quedaron desertos no último ano a mellora da área recreativa de Beiramar, as obras de pista multideporte e parque infantil en O Baño, as obras de substitución da cuberta no polideportivo de O Cristo, as obras de reurbanización da avenida Bello Piñeiro, a contratación da obra de mellora de camiños municipais: rúa do Penedo e Franza de Abaixo e as obras de acondicionamento de viais e camiños municipais, por un importe total de licitación de 620.495,97 €.
Desde o departamento de Obras e Servizos sinalaron que levan meses traballando na revisión dos prezos recollidos nos pregos de moitos dos proxectos, así como da modificación das condicións da execución das obras e da inclusión de cláusulas que permitan á administración defenderse dos incumprimentos. “No último ano o Concello ten iniciado procedementos contra dous licitadores polo incumprimento das adxudicacións, para impedir que poidan volver a presentarse en Mugardos. Tamén temos realizado consultas á Deputación e Xunta para articular solucións conxuntas, pero ata que non se normalicen os prezos e os subministros, moito nos tememos que non vai ser posible normalizar as licitacións”.
Kuntz aclarou que non todas as licitacións quedan desertas “xa que non todas teñen os mesmos custes de materiais ou maquinaria. Non é o mesmo un arranxo de viais que a reforma dun parque ou a substitución de luminarias. Por outro lado, ás veces ás empresas interésalles optar a unha obra por cuestións organizativas ou empresariais aínda que o beneficio do traballo non sexa moito”.