Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O ARRANXO DUN BACHE NO LODAIRO DEIXA AO DESCUBERTO O ABANDONO NO CONTROL DAS OBRAS

A Concellería de Obras, Servizos e Medio Ambiente informou hoxe da aparición dunha tubaxe de conducción de augas, desconectada da canalización e que levaba meses causando danos na vía pública.

Cando os traballadores municipais iniciaron os traballos urxentes no Lodairo para actuar sobre o burato existente na vía, que foi denunciado de xeito insistente polos veciños e veciñas cansos dos problemas que ocasionaba e o risco que supuña, atopáronse con que nese preciso punto remataba unha tubaxe, que ao deixala aberta e non conducir a ningures, estaba a verter auga á terra, e que esa vertedura incontrolada é a que causaba a erosión, e polo tanto, o motivo do bache.

O concelleiro Jorge Kuntz quixo resaltar que “hai que ser claros, esto é resultado de anos e anos de falta de control sobre as obras. Este é o traballo que os responsables de obras e servizos teñen que facer: controlar as obras, asegurarse de que están ben feitas e por suposto, asegurarse de que os cartos dos contribuíntes están ben invertidos. É evidente que este traballo non se fixo, e agora os veciños e veciñas están a pagar as consecuencias”.

Desde o departamento confirmaron que, realizaranse tamén outras reparacións de rebacheo no Lodairo, e que unha vez que estean rematados estes traballos, procederase á reparación dun pocete na Avenida de Bello Piñeiro e repararanse as fugas de auga na Avenida do Seixo, unha delas nas Barcias, da que se ten constancia que leva anos realizando verteduras incontroladas, e a outra, de recente aparición, á altura da panadería.

Con respecto destes traballos de reparación de fugas, o concelleiro subliñou que “unha vez máis estamos a falar de fallos no control das infraestructuras municipais por parte dos responsables políticos. A perda de auga nas fugas pagámola todos, e medioambientalmente é inasumible permitir durante anos que isto suceda” afirmou Kuntz, quen confirmou que xa están a traballar desde o seu departamento na adopción de medidas que permitan dar un xiro ás tarefas de mantemento e conservación. “Durante anos a xestión deste servizo centrouse en arranxar avarías, nós pensamos que é máis sensato, eficiente e barato evitalas, así que centraremos os nosos esforzos na prevención con un bo traballo de mantemento e conservación”.

Back to top