Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

COMEZAN EN NOVILLE OS TRABALLOS DE PROPECCIÓN CO XEO-RADAR

Ata o xacemento desprazarase mañá Fermín Pérez Losada, responsable da primeira escavación realizada a finais dos anos oitenta.

29 DE SETEMBRO DE 2022. A concelleira de Cultura Begoña Roldós informou hoxe dos avances do proxecto de actuación arqueolóxica “Prospección xeofísica no xacemento romano de Noville”, elaborado pola Dirección Xeral de Patrimonio , e que ten como obxectivo principal identificar novas zonas con potencialidade arqueolóxica no xacemento mugardés.

Roldós confirmou que nos últimos días realizáronse xa os traballos de roza e limpeza de vexetación arbustiva na zona, sempre baixo control arqueolóxico, nunha superficie aproximada de 10.000 metros cadrados, e que hoxe deu inicio a realización dunha prospección xeofísica, mediante xeo-radar, nunha superficie aproximada de 9.400 metros cadrados.

A concelleira confirmou que “mañá será un día moi especial para os mugardeses e os amantes do noso patrimonio cultural, xa que ata o xacemento desprazarase Fermín Pérez Losada, responsable da dirección da primeira escavación entre os anos 1988 e 1989 e que supuxo un fito no coñecemento deste tipo de establecementos na Gallaecia. De feito, os distintos métodos de intervención arqueolóxica empregados no seu estudo permitiron coñecer de forma case integra a planta dun edificio que pertenceu á “pars urbana “da vila”. A responsable de cultura antes de finalizar quixo agradecer tamén á Dirección Xeral de Patrimonio o seu compromiso e a súa aposta pola valorazación da riqueza arqueolóxica mugardesa.

O xacemento de Noville está situado no Monte, na parroquia de Franza, e é un xacemento especialmente interesante para a súa futura posta en valor como recurso cultural e turístico polo seu bo estado de conservación xa que conserva estancias con muros de máis de metro e medio de altura. Isto dálle unha monumentalidade que non resulta habitual en xacementos destas características.  

Así mesmo, o feito de que o xacemento presente unha planta de patio aberto en forma de U, moi pouco habitual na península ibérica, e que sexa un dos poucos xacementos romanos de Galicia do que se coñece o nome do possesor, fan de Noville un espazo dun elevado valor arqueolóxico.

Unha vez rematados os traballos por Trivium, empresa encargada dos mesmos, programará as oportunas accións de difusión da actuación realizada (charlas, visitas, etc.). Igualmente, procederase á realización dunha memoria técnica da intervención no que se recollan os traballos realizados e os seus resultados, a presentar ao remate dos traballos de campo.

Back to top