O CONCELLO ULTIMA OS PREPARATIVOS PARA CELEBRAR O 8 DE MARZO, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER
Este ano as propostas centraranse en dar visibilidade e difusión á mensaxe da igualdade
Mugardos, 15 de febreiro de 2022. A Concellería de Igualdade de Mugardos, dirixida por Ana Varela, ven de presentar a súa programación para a celebración do Día Internacional da Muller o vindeiro 8 de marzo. Consistirá na convocatoria do III Concurso escolar literario “8 de marzo. Figuras ocultas” e a posta en marcha dunha campaña publicitaria infantil, deseñada polos nenos e nenas dos centros escolares mugardeses.
A III edición do concurso de relatos de figuras ocultas manterá o esquema das edicións anteriores, centrando as temáticas dos traballos na visibilización de calquera historia de vida, traballo, coidados e loita de mulleres de Mugardos ou relacionadas dalgún xeito co pobo, sobre as mulleres, que para os e as participantes no concurso supoñen figuras ocultas da sociedade mugardesa.
No relativo á campaña publicitaria “Énterate”, esta será deseñada e elaborada íntegramente polo alumnado de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º da ESO dos centros de ensino mugardeses, e unha vez rematada, será difundida polo Concello de Mugardos a través da Concellería de Igualdade con cartelería nos comercios locais e difusión nas canles oficiais das redes municipais.
Varela quixo destacar que para o goberno municipal, lonxe de loitas partidistas e desencontros, o 8M é unha celebración que ten como obxectivo profundizar na importancia da igualdade, e ese é o motivo principal de que os actos organizados se centren nos máis novos. “As novas xeracións teñen a oportunidade de crecer e madurar desde a igualdade de xénero e de oportunidades, e dentro das nosas posibilidades ese é o camiño no que este goberno municipal vai traballar sempre”.