Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

XORNADAS DE TENIS DE MESA PARA CASE 150 NENOS E NENAS DOS COLEXIOS MUGARDESES

Nas xornadas participarán os escolares de 3º a 6º de primaria de Unión Mugardesa, Santiago Apóstol e Loyola

A concelleira de Deportes, Begoña Roldós, informou hoxe da organización das Xornadas de promoción do Tenis de Mesa no Casino Mugardés os días 23 e 24 de febreiro para todos os escolares mugardeses de 3º a 6º de primaria.

O xoves 23 de febreiro de 9.00 a 14.00 horas darán comezo as xornadas de tenis de mesa cos nenos e nenas do CEIP Unión Mugardesa, e o venres 24 en horario de 10.00 a 11.15 horas recibiranse no Casino aos alumnos do CEIP de Santiago Apóstol, e de 11.15 a 13.45 aos estudantes do CPR Loyola.

Todo o alumnado estará inscrito e mutualizado no programa XOGADE (da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia) e para o desprazamento do alumnado do CEIP de Santiago Apóstol de Franza contarase cun autobús.

Roldós engadiu que esta actividade estará impartida por monitores do Clube Tenis de Mesa Narón e adiantou que, logo da realización destas dúas xornadas de promoción do tenis de mesa, no mes de marzo realizarase unha xornada de competición destes mesmos cursos co alumnado do CPI As Mirandas no Pavillón de Ares.

O obxectivo destas xornadas é seguir coa promoción deste deporte entre a veciñanza. “O tenis de mesa é un deporte alternativo ás ofertas máis masificadas e ideal para a súa práctica no inverno, ademáis está recomendado para todas as idades. Este ano o goberno municipal ampliou a oferta das escolas deportivas incluíndo o tenis de mesa dentro do abano formativo municipal e estas xornadas de difusión entre os máis pequenos esperamos que os animen a apuntarse, e se queren vir os maiores tamén son benvidos” sinalou Begoña Roldós.

Desde o departamento de Deportes lembran que a inscrición na actividade de tenis de mesa das escolas deportivas municipais segue aberta, e as clases para nenos e nenas son os luns de 17.00 a 18.00 horas e para adultos de 18.00 a 19.30 horas.

Back to top