Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

MUGARDOS APROBA POR UNANIMIDADE O PLAN DE OBRAS E SERVIZOS (POS) 2023

O importe total das obras previstas supera os 520.000 euros e o de atención social máis de 41.000 euros

O pleno do Concello de Mugardos ven de aprobar por unanimidade o POS+2023 da Deputación de A Coruña que destina este ano a Mugardos un importe total de 521.810,68 € unido ao POS Adicional para gastos sociais extraordinarios no que a achega acada os 41.162,43 €.

A proposta do goberno municipal aprobada no pleno extraordinario destinou o 100% da subvención provincial á inversión en obras, e máis do 80% do plan para gastos sociais en axudas directas á atención a veciñanza.

A actuación de mellora de servizos e pavimentación de tramo da rúa do Cristo no seu encontro coa AC-131 conta un orzamento de 169.073,43 €. Trátase dun tramo dunha lonxitude aproximada de 320 metros entre a rúa Peteiro ata intersección coa rúa O Baño Arriba na que levaranse a cabo as obras necesarias para a mellora do pavimento, así como dos servizos de saneamento, abastecemento e sinalización.

No POS+2023 inclúense tamén melloras por importe de 151.964,38 € nos viais municipais de San Xoán, Pallizo, Morteirado, O Vilar e Montefaro. Unhas obras que teñen por obxecto a mellora do pavimento dos camiños mencionados, así como do sistema de drenaxe mediante a canalización das augas pluviais nos tramos necesarios xunto coa mellora na sinalización. Neste proxecto o concello traballa na actualidade para aclarar a titularidade dos camiños de Pallizo e San Xoán.

No plan complementario recóllense inversións que suman un total de 200.772,87 € nos viais da rúa Os Casas, Roibeiras e Simou.  Arranxos en case 900 metros en vías municipais nos que procederase á mellora do pavimento, a seguridade viaria e os servizos de canalización de augas pluviais.

O POS+Adicional para gastos sociais extraordinarios, cun orzamento imputado á subvención provincial de 41.162,43 €, permitirá aumentar as axudas sociais, as horas de servizo de atención de axuda no fogar á veciñanza e o equipamento municipal que se cede aos veciños e veciñas coa adquisición de 4 camas xeriátricas articuladas, 8 lavacabezas para o aseo de persoas encamadas e 5 dispositivos antiatragantamento (1 pediátrico, 2 infantís e 2 para adultos).

Desde a Concello informouse de que, unha vez aprobado o POS+2023 polo pleno, o acordo foi remitido xa á Deputación da Coruña. “Agora queda esperar a que o órgano provincial dé luz verde aos proxectos e unha vez recibido, proceder á licitación das actuacións e á adquisición do material de servizos sociais” confirman desde o departamento de Obras.

Back to top