Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

XA ESTÁN Á VENDA AS ENTRADAS PARA A FESTA DO POLBO

O Concello de Mugardos abre a oficina de venda ata o sábado 9 de xullo

Mugardos, 4 de xullo de 2022. A Concellería de Cultura e Turismo informou de que dase xa o pistoletazo de saída á XXX Festa do Polbo de Mugardos co inicio o pasado sábado 2 de xullo da venda das entradas para a degustación do polbo e a empanada na carpa municipal.

Os interesados poden adquirir as entradas presencialmente na oficina de venda, situada no baixo da Avenida do Mar número 1, en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas desde hoxe e ata o venres día 8 de xulllo. O sábado, día da festa, a oficina estará aberta en horario ininterrumpido desde as 10:00 horas e ata as 21:00 horas. 

O prezo da ración de polbo (que inclúe pan e viño) é de 10 euros, e a ración de empanada de polbo serán 2 euros.

A carpa estará aberta en horario continuado desde as 13:00 ata as 22:00 horas e dividida en dúas zonas, e como gran novidade este ano, o acceso á carpa farase por quendas, cun aforo máximo de 325 persoas por zona en cada unha delas. 

Cada quenda terá unha duración de unha hora, durante a cal as persoas que accedan a ela (as que teñan entrada para esa quenda), poderán entrar, recoller as racións adquiridas previamente na oficina de venta e degustalas no interior da carpa na zona asignada se así o desexan.

Polo tanto, as persoas deberán adquirir as entradas para o horario que máis lles interese, e a venda de cada quenda pecharase no momento que se alcance o aforo máximo de 325 persoas.

A zona 1 iniciará as súas quendas ás 13:00, ás 14:30, ás 16:00, ás 17:30, ás 19:00 e ás 20:30 horas, e a zona 2 iniciará as súas ás 13:30, ás 15:00, ás 16:30, ás 18:00, ás 19:30, e ás 21:00 horas. Cada rolda dura unha hora na que os comensais poden degustar o polbo, a empanada e o viño, e media hora para a limpeza da zona de cara ao acceso á carpa da seguinte quenda. 

Desde o Concello trasladan que os cambios na organización do acceso á carpa teñen a finalidade de controlar os aforos, para que a xente non sentise agobio ou falta de espazo. “Cando se iniciou a organización da festa, fai moitos meses, non sabiamos cal sería a situación epidemiolóxica no mes de xullo, co cal decidimos deseñar este sistema de control de aforos que permitira evitar aglomeracións pero tamén o acceso de miles de persoas. Ese foi tamén o motivo de deixar 30 minutos entre quenda e quenda para a limpeza e a organización das zonas. Calquera que visite a carpa, sexa a hora que sexa, poderá desfrutar de espazos limpos, organizados e recollidos, sen aglomeracións e con total comodidade” sinalou a concelleira responsable do departamento, Begoña Roldós.

Así mesmo a concelleira sinalou que “as entradas poden adquiririse desde o sábado, e convidamos á veciñanza e ás persoas que desexen visitarnos a que compren as súas entradas o antes posible, xa que os aforos nesta edición están limitados. Non foi unha decisión sinxela de tomar, pero esperamos que dea un bo resultado, e que permita a organización dos asistentes para que todos poidamos estar cómodos e desfrutar do día”. 

Back to top