PUBLICADO O BANDO DE ALCALDÍA CON NOVAS MEDIDAS DE PREVENCIÓN DE CONTAXIOS
O alcalde Juan Domingo de Deus publicou hoxe un bando coas medidas adoptadas polo goberno municipal logo de que na última semana o concello pasara de nivel 0 de alerta por contaxios a nivel 2, con 20 casos activos a piques de entrar en zona vermella.
Logo de manter nos últimos días numerosos contactos coas autoridades sanitarias e unha videoconferencia no día de onte coa Consellería de Sanidade e os representantes do resto dos municipios da comarca confinados perimentralmente (Ferrol, Narón, Neda, Fene e Ares), as medidas adoptadas polo goberno municipal céntranse na limpeza, a reducciónd e aforos e o peche de instalacións.
As medidas vixentes a partir das 00.00 desta noite e ata o 4 de decembro no Concello de Mugardos son:
- Queda prohibido entrar e saír da área delimitada polos concellos de Ferrol, Narón, Neda, Fene, Mugardos e Ares, excepto por causas debidamente xustificadas.
- Quedan prohibidas as reunións, agás entre convivintes.
- Queda prohibida a atención ao público da hostalaría, agás para servir a domicilio e recoller.
- Debe pecharse toda actividad non esencial.
- O aforo do transporte público fíxase no 50% das prazas sentadas e o 25% das prazas de pé
- A práctica deportiva deberá ser individual (agás con convivientes) no caso de ser deporte non federado.
- Refórzase a limpeza dos espazos máis concurridos como farmacias, supermercados, mercado municipal, centro de saúde, etc.
- O Complexo Acuático do Castro, mantense aberto (a excepción do spa) coa reducción dos aforos a un máximo de 5 persoas e 1 monitor/a.
- As actividades deportivas e culturais das escolas municipais mantéñense con aforo máximo de 5 alumnos/as e un monitor/a.
- Non se realizarán eventos deportivos e culturais ata o 4 de decembro.
Juan Domingo de Deus sinalou “que todas estas decisións están en permanente revisión tanto pola Xunta de Galicia como polo goberno municipal, en función da evolución dos contaxios e da normativa vixente en cada momento”.
De Deus rompeu unha lanza en favor da hostalaría e os comerciantes municipais que “sen dúbida, aqueles que viven da actividade comercial e a hostalaría están a sufrir unhas perdas económicas enormes, pero temos que agradecer o seu esforzo todos estes meses, mostrarlles o noso apoio e deixar ben claro que non son eles os responsables dos contaxios, os comerciantes e hostaleiros que mantiveron a súa actividade durante estes meses non tiveron taxas de contaxio especialmente relevantes, ao contrario, mostraron un coidado da normativa e unha capacidade de adaptación moi altas”.
O concelleiro de Facenda e Participación Miguel Mahía confirmou que aos comerciantes, autónomos e hostaleiros municipais remitíuselles xa unha comunicación municipal coas bases das dúas liñas de axudas desenvoltas para apoialos PEL REACTIVA E MUGARDOS REACTIVA, axudas compatibles e complementarias entre elas, e que poderán solicitarse a partir da próxima semana.
Pode consultarse o Bando da Alcaldía na seguinte ligazón:
DESCARGAR PDF Bando da Alcaldía sobre a adopción de medidas de contención dos contaxios por COVID