Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Os Alcades de Ares e Mugardos presentan a XVI Carreira popular de fin de ano entre ambos concellos

Na mañá do martes 14 de decembro Juan Domingo de Deus e Julio Iglesias, alcaldes de Mugardos e Ares, xunto coa concelleira de deportes de Mugardos Begoña Roldós e a súa homóloga aresá Noelia Montero, presentaron o que será a XVI Carreira popular de fin de ano. Carreira que se celebra o último domingo do ano ás 11 da mañá desde a súa primeira edición. A pandemia impediu a celebración no ano 2020, pero este ano tomando as medidas preventivas da COVID19 e respectando os protocolos de seguiridad anti-COVID propostos pola Federación Galega de Atletismo agárdase unha competición festiva como en edicións anteriores.

A proba, que alterna saída e meta en cada edición, sae este ano do polideportivo de Ares realizándose como sempre un percorrido de 10km Ares-Mugardos-Ares. Na proba sortéanse entre todas as persoas que a rematen, 10 cestas con produtos do Nadal nos que colabora supermercados GADIS.

Poderán participar todas a persoas maiores de 16 anos que formalicen as inscricións ate as 23:59 do 21 de decembro na pasarela carreirasgalegas.com realizando un pago de 4€. O número máximo de prazas é de 500. A retirada de dorsais poderá realizarse o xoves 23 de 8:00 a 13:30 no Complexo acuático do Castro e o propio día da proba no pavillón polideportivo de Ares de 9:00 a 10:30. A retirada do dorsal será a confirmación de asistencia á proba. A entrega de dorsais aos atletas federados farase a un representante do seu club de forma conxunta.

Back to top