O PRÓXIMO LUNS REMATA O PRAZO PARA APUNTARSE NA LISTA DE SUBSTITUCIÓN DOS GES
As bases publicáronse no BOP do pasado 13 de abril
18 DE ABRIL DE 2022. O concelleiro de Persoal Miguel Mahía informou hoxe da apertura do prazo de presentación de solicitudes para a bolsa de traballo na categoría de oficial 2.ª para o Grupo Municipal de Emerxencias Supramunicipal (GES) con sede en Mugardos.
As bases específicas que rexen este proceso selectivo foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do pasado mércores 13 de abril (número 71) logo de ser aprobadas por Resolución da Alcaldía e teñen como obxecto a creación dunha bolsa de traballo que sirva para a cobertura, mediante a contratación laboral temporal, das ausencias que se produzan nos postos de Oficial de 2.ª do grupo de emerxencias supramunicipal.
Os requisitos xerais para participar neste proceso son ter a nacionalidade española, non padecer nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desenrolo das función, ter cumpridos os dezaseis anos de idade e non exceder da idade máxima de xubilación forzosa, non ter sido separado do servizo ou despedido mediante expediente disciplinario de ningunha Administración nin atoparse na situación de inhabilitación, non estar inhabilitado ou en situación equivalente, nin ser sometido a sanción disciplinaria ou equivalente, estar en posesión do título de graduado en educación secundaria obrigatoria, graduado escolar ou equivalentes aos efectos laboráis e estar en posesión do permiso de conducir tipo C.
O proceso para seleccionar aos aspirantes a integrar a bolsa de traballo será o de concurso-oposición. Previo á fase de oposición avaliaranse os méritos alegados e xustificados documentalmente polos aspirantes nas súas respectivas solicitudes de participación. Os puntos obtidos na fase de concurso non poderán ser aplicados para superar os exercicios da fase de oposición.
A fase de oposición será posterior á fase de concurso e constará de tres exercicios de carácter obrigatorio e eliminatorio.
Unha vez superado o proceso de selección, e con carácter previo ao seu ingreso no grupo, os admitidos realizarán un curso de carácter teórico-práctico que se impartirá pola Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP). A participación neste curso poderá excepcionarse no caso de que o candidato conte co ciclo de formación de grado medio de técnico en emerxencias e protección civil ou certificado de profesionalidade de extinción de incendios e salvamento.
As persoas interesadas en participar poderán presentar a súa solicitude en modelo normalizado conforme ás bases, xa sexa de forma manuscrita ou dixitalmente, pola persoa interesada ou polo seu representante legal, e deberán solicitalo preferentemente vía sede electrónica.
O prazo de presentación de instancias remata 25 de abril.