O PROGRAMA DIRIXIDO A MAIORES DE 60 ANOS ‘XUNTOS POLO NADAL 2022’ XA ESTÁ EN MARCHA
Os interesados en participar poden inscribirse ata o 28 de novembro
A Concelleira de Benestar Social, Ana Varela, informou hoxe da posta en marcha do programa ‘Xuntos polo Nadal 2022’ da Xunta de Galicia, destinado ás persoas maiores que se atopen soas nestas datas.
Os veciños e veciñas de Mugardos que desexen participar terán á súa disposición ata 280 prazas na Residencia de Tempo Libre do Carballiño (Ourense), espazo reservado para as persoas solicitantes das provincias de A Coruña e Lugo.
O programa desenvolverase entre o día 23 de decembro de 2022 e o día 7 de xaneiro de 2023 en dúas quendas de 8 días cada unha (7 noites).
A primeira quenda efectuarase no período comprendido entre o 23 e o 30 de decembro e a segunda entre o 31 de decembro e o 7 de xaneiro.
O programa inclúe a estancia na residencia durante 8 días (7 noites), o aloxamento en habitacións compartidas e manutención en réxime de pensión completa (o aloxamento en cuartos individuais terá carácter excepcional), o desprazamento en autobús desde os lugares que se establezan nas localidades que corresponda ata a residencia de tempo libre, actividades de animación sociocultural.
Para participar neste programa, as persoas beneficiarias deberán ter 60 anos, estar empadroadas nalgún concello galego, vivir solas no seu domicilio e ter que pasar só/a as datas do Nadal, valerse por si mesmas e non padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio, nin trastornos mentais ou condutuais non compensados que poidan alterar a convivencia durante o transcurso da estadía.
As solicitudes, acompañadas do informe social e da declaración responsable, están dispoñibles na Concellería de Benestar Social (2º andar da Casa do Concello) e poderán presentarse ata o 28 de novembro.
Ana Varela lembrou que trátase dun programa totalmente gratuíto para os participantes e animou á veciñanza a participar xa que Xuntos polo Nadal “é unha ferramenta moi potente para a sociabilización dos maiores, tan importante en datas sinaladas como as festas”.