Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O PRAZO DE PRESENTACIÓN DE OFERTAS PARA AS OBRAS DA SENDA ENTRE PETEIRO E O BAÑO REMATA O 21 DE DECEMBRO

A obra estase a licitar pola Axencia Galega de Infraestruturas cun orzamento de 534.668,54 € (IVE incluido)

O alcalde e concelleiro de Mobilidade, Juan Domingo de Deus, actualizou hoxe o estado da licitación das obra da senda peonil Peteiro – O Baño que está a ser licitada cun orzamento base de 534.668,54 € (IVE incluido).

As obras consistirán na construcción dunha senda de 2,50 metros de ancho e 570 metros de largo na marxe da estrada AC-131, no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 0+420 e 1+000, permitindo unir deste modo os tramos de beirarrúa actuais e dotando tanto a peóns como a ciclistas dun espazo para a súa circulación, agora inexistente ao carecer a AC-131 de beiravías no tramo obxecto de estudo.

De Deus sinalou que “coa realización deste proxecto perséguese o fomento da mobilidade e a seguridade vial, xa que esta actuación permitirá mellorar os itinerarios de desprazamento actuais, pois neste tramo é destacable a ausencia de beirarrúas en ambas as marxes o que conleva un risco para a circulación dos peóns debido a que non existe un espazo habilitado para os mesmos”.

O alcalde lembrou que unha vez adxudicadas as obras, trámite previsto no primeiro trimestre do ano, o prazo de execución das mesmas é de catro meses, co que confirmou que “desde o goberno municipal confiamos que este verán os veciños e veciñas de Mugardos poidan dispoñer desta senda aberta, que vén a unirse ás de Mugardos – Ares de 3,6 quilómetros na AC – 130 e a de Rilo – Franza de 1,3 quilómetros na AC – 133.

Desde a Concellería de Mobilidade desenvolvéronse en colaboración coa Xunta de Galicia case 5,5 quilómetros de sendas peonís en Mugardos nos últimos anos, infraestruturas que segundo os técnicos modificaron os traslados peonís da veciñanza, que agora ten garantida a seguridade viaria nos seus desprazamentos en tramos que carecían dela.

“Fai menos dun mes que remataron as obras da senda Rilo – Franza e xa se pode apreciar un aumento considerable do tráfico peonil. A pesar de coincidir no outono moitos veciños e veciñas incorporaron o uso desta senda para ir ata a piscina andando ou nos seus paseos habituais; con mellor tempo o uso será aínda maior” subliñou o alcalde, quen afirmou que “estes cambios da veciñanza, incorporando o uso destas vías peonís no seu día a día confirman que a nosa aposta polas sendas que promoven os desprazamentos a pé foron un acerto”.

A licitación da nova senda entre Peteiro e O Baño, que corre a cargo da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade presidida por Ethel Vázquez, remata o seu prazo de presentación de ofertas o 21 de decembro e trátase dunha contratación non suxeita a regulación harmonizada, polo procedemento aberto multicriterio, con tramitación ordinaria e anticipada de gasto.

Back to top