O POBO DE MUGARDOS HOMENAXEA A “CHEÍÑO”
O Concello e o Club do Mar organizaron este emotivo evento
Mugardos, 29 de marzo de 2022. “Sen dúbida, o acto máis emotivo da lexislatura”. Así definiu o alcalde Juan Domingo de Deus o vivido na mañá do domingo no Cantón de Cora. O Concello de Mugardos e o Club do Mar organizaron unha merecida homenaxe a Pepe Deus, máis coñecido como “Cheíño”, á que asistiron máis de medio cento de mugardeses e mugardesas.
O primeiro en intervir foi Guillermo Pereira, presidente do Club do Mar e en cuxas instalacións, desde onte, lucirá a placa en homenaxe a Pepe Deus como símbolo da unión común que teñen coa mar. Entre o público, puido escoitarse o cariño que os remeiros e remeiras do Club sinten por Pepe Deus, que tantas veces achegouse ata a rampa para animalos logo dun deses duros entrenos en pleno inverno.
Posteriormente, foi o alcalde o que tomou a palabra para facer un pequeno repaso da vida de Pepe Deus e mostrar a súa admiración pola capacidade de loita, traballo e superación. “Pensar en Cheíño é pensar nunha vida de esforzo e progreso, que o levou a ser o mellor no seu, a facer historia dentro da enxeñería naval. Pero sen esquecer nunca a súa orixe, Cheíño nunca esqueceu que Mugardos é o seu lugar. Obviamente, como alcalde é un orgullo ter un veciño como Pepe Deus”.
Cheíño, embargado pola emoción, agradeceu a homenaxe e o recoñecemento co maior dos seus sorrisos e acompañado pola súa familia, puido sentir de primeira man o enorme cariño dos seus veciños e veciñas.
Desde o pasado domingo a fachada do Club do Mar lembrará para sempre o agradecemento do pobo de Mugardos a Pepe Deus “por deixar unha fonda pegada no mundo da mar e nas súas xentes”.