O LUNS COMEZAN OS TRABALLOS DA EMPRESA DE DESBROCE DE ESTRADAS E CAMIÑOS MUNICIPAIS
O importe total do contrato ascende a 269.439,48 €.
Mugardos, 18 de febreiro de 2022. O concelleiro de Obras e Servizos, Jorge Kuntz, informou do inicio dos traballos de desbroce de noiros, cunetas e plataformas das pistas e estradas municipais, a semana próxima por parte da empresa Jardincelas SL.
Inicialmente a programación elaborada das actividades prevé que a empresa realice 4 campañas anuais de desbroce, con inicio en marzo, xuño, agosto e novembro cada unha delas, chegando aproximadamente aos 1.000 kilómetros anuais de desbroce da vexetación existente nas vías municipais, con medios tanto manuais como mecánicos.
“Os traballos gozarán de total flexibilidade dependendo das condicións meteorolóxicas, xa que temos que ter capacidade de resposta. Un bo exemplo foi o pasado ano, que debido ás condicións meteorolóxicas no mes de marzo xa tivo que realizarse un primeiro desbroce” sinalou o concelleiro.
Kuntz quixo destacar a importancia deste contrato xa que “é a primeira vez que o Concello de Mugardos realiza unha licitación deste tipo, o que permitirá acadar unha gran estabilidade nos traballos de desbroce dos camiños municipais, así como obviamente na calidade dos mesmos”.
Para rematar, desde o departamento de Servizos sinalaron que a aprobación nos próximos meses do novo inventario de camiños municipais, que nestes momentos se atopa en elaboración, permitirá dar un paso máis na mellora da planificación dos servizos de desbroce, tanto municipais como doutras administracións, ao permitir a asignación clara da titularidade de cada un dos camiños sitos en territorio mugardés.