Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O GRUPO DE EMERXENCIAS SUPRAMUNICIPAL RECIBE NOVOS TRAXES DE INTERVENCIÓN

O alcalde Juan Domingo de Deus trasladou hoxe a súa satisfacción polo compromiso mostrado co servizo de emerxencias, logo do intenso traballo realizado polas Concellerías de Facenda e Persoal para a mellora das condicións de traballo do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES).

Nos últimos días materializáronse as xestións para dotar a todos os compoñentes do grupo de traxes de intervención completos, cun importe de case 18.000 euros, e confirmouse que segue a traballarse na procura de máis material que mellore e amplíe as intervencións, como cámaras térmicas, lanternas ou explosímetros.

Desde a Concellería de Persoal destacouse tamén a decisión adoptada polo goberno de incorporar traballadores para cubrir as baixas e vacacións do persoal, permitindo así o respecto aos dereitos laborais da plantilla e a disposición de equipos completos para as intervencións. “Desde fai anos os membros do GES presentaban queixas xa que se lles anulaban os permisos ou se deixaba unha soa persoa nos turnos, e esa non é a política de xestión dos servizos e do persoal que nós defendemos”.

Lembrouse tamén por parte do alcalde que nos novos orzamentos municipais aparece reflectida a débeda de máis de 100.000 euros que o concello ten cos membros do GES en concepto de horas extraordinarias. “No momento que se aproben definitivamente os orzamentos do 2020, procederase ao abono dos importes. Lamentamos enormemente esta situación, é evidente que non compartimos a xeito de xestionar os recursos humanos que tiveron gobernos anteriores, pero non é o momento de facer historia. Miramos cara adiante, e traballamos para levar os servizos públicos municipais ao nivel de calidade que os traballadores e os veciños merecen”.

“O noso compromiso é total na mellora dos medios de traballo do GES, o que redundará na prestación dun mellor servizo á veciñanza e nunha mellora nas  condicións laboráis do grupo. O GES é un servizo público básico no que cremos e polo que traballamos. A aposta pola seguridade é unha aposta polo futuro de Mugardos” rematou de Deus.

Back to top