Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O GOBERNO SACA A LICITACIÓN OBRAS E SERVIZOS POR MÁIS DE 500.000 EUROS

O alcalde Juan Domingo de Deus informou da aprobación de 5 expedientes de contratación na Xunta de Goberno Local extraordinaria celebrada esta mañá por valor de máis de 500.000 euros, e que permitirán a contratación do servizo de desbroce, as obras da pista de pumptrack en O Baño, as obras de reforma e ampliación da Escola Infantil Municipal de As Lagoas, a adquisición do inmoble destinado á nova biblioteca municipal e a adxudicación das mamparas protectoras para os comedores escolares municipais.

Sobre a contratación do servizo de desbroce de camiños municipais, que ten un orzamento inicial de licitación de 101.891,20 euros, destacouse que este servizo virá a paliar a falta de efectivos municipais destinados a esta tarefa, permitindo planificar as tarefas de poda e desbroce, e axustalas ás necesidades e demandas tanto da época do ano como da veciñanza. A contratación farase por 2 anos ampliables dous anos máis.

A contratación das obras do pumptrack no Baño vén a pechar unha inversión recollida no convenio coa Deputación provincial da Coruña firmado no 2019. Cunha inversión inicial prevista de 95.525,81€, para o que a administración provincial achegará 76.420,65 euros e o Concello os 19.105,16 restantes. O pumptrack, que estará ao aire libre, ocupará unha superficie de máis de 1.300 metros cadrados, aínda que o circuíto en si sumará preto de 700, con curvas, peraltes e montículos acondicionada para deportes como o ciclismo, a patinaxe, os monopatíns, etc.

Sobre as obras de reforma e ampliación da Escola Infantil Municipal de “As Lagoas”, De Deus confirmou que terán un orzamento base de licitación de 215.718,62€, e que están incluidas no convenio de colaboración asinado este mesmo ano co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, que permitirán a creación de novos espazos no interior da escola, coa ampliación de prácticamente todas as estancias tanto de convivencia dos nenos e nenas como das traballadoras do centro.

A adquisición do inmueble situado na Avenida de Galicia nº 25 como futura sede da nova biblioteca municipal aprobouse na Xunta de Goberno Local por 105.000 euros e o goberno centra xa os seus plans na elaboración dun proxecto de obra que permita facer realidade unha nova biblioteca antes da finalización desta lexislatura, para o que espera contar co apoio do resto de forzas políticas forman parte da corporación.

Para finalizar, e cun importe de licitación de 7.500,16 euros, aprobouse a adxudicación da subministración de mamparas protectoras para adaptar os comedores escolares municipais do CEIP Unión Mugardesa e CEIP Santiago Apóstol ás medidas e protocolos de prevención da transmisión da COVID-19.

En resumo, un total de 525.635,79 euros de inversión na mellora de servizos e instalacións municipais nos que o goberno municipal vén traballando desde fai xa moitos meses. “Moitos destes procedementos son froito de meses de reunións, negociacións e tramitacións administrativas, e dentro de algún tempo, por fin serán realidades que cambiarán substancialmente algúns dos servizos que presta o concello, e estamos seguros que os mugardeses e mugardesas estarán moi satisfeitos co traballo realizado” rematou Juan Domingo de Deus.

Back to top