Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O GOBERNO MUNICIPAL PRESENTA A SÚA PROPOSTA DE ORZAMENTOS AOS GRUPOS

O concelleiro de Facenda Miguel Mahia confirmou hoxe a entrega da proposta dos orzamentos 2020 aos grupos políticos por parte do goberno municipal.

Coa convocatoria dunha comisión informativa fixada para o próximo 27 de xullo ás 9.00 horas, os grupos políticos municipais terán agora 15 días para estudiar a proposta de orzamentos elaborada polo goberno, así como do Plan Económico Financieiro e a modificación de crédito que acompañan ao documento presupostario.

Miguel Mahia expuxo que os tres documentos presentados son dunha importancia vital para o saneamento das contas municipais, e que o goberno municipal confía en acadar o apoio de todos os grupos municipais, xa que “nunha situación excepcional, a veciñanza demanda medidas excepcionais e políticos excepcionais”, e lembrou que en Mugardos non se aproban uns orzamentos desde 2017.

O Plan económico financieiro (PEF), de presentación obrigada por lei para poder aprobar os orzamentos, recolle o programa de control de gasto ao que se verá sometido o concello nos exercicios 2020 e 2021 debido aos incumprimentos da normativa fiscal durante os anos anteriores. “Este é un exemplo deso que chaman “herdanza recibida”, pero logo do acontecido no noso país nos últimos meses, non imos mirar atrás, non é momento de reproches nin de “y tú más”. Presentamos o PEF por que é unha obriga legal, e asumimos as medidas de control de gasto ás que como goberno nos veremos sometidos”.

Os orzamentos presentados teñen unha visión claramente social, xa que segundo o concelleiro este é o motivo principal da presentación das contas. “As partidas vixentes non permitían asumir as axudas sociais necesarias para afrontar a crise. Duplicamos a cantidade orzamentada para axudas directas ás familias (para alugueiros, alimentación, electrodomésticos, etc) e multiplicamos por seis a partida do servizo de axuda no fogar, que pasa de 20.000 a 120.000 euros”.

Miguel Mahia confirmou tamén que nas contas incluironse 80.000 euros para a adquisición do inmoble que albergará a nova biblioteca municipal, unha demanda histórica da veciñanza que de sair adiante estas contas, será unha realidade no 2021.

Por último, a proposta de orzamentos presentada aos grupos, vai acompañada dunha modificación de crédito, que permitirá pagar as débedas municipais pendentes  como os case 300.000 euros ao Concello de Ares, 100.000 euros en horas extraordinarias aos traballadores do GES, e a aprobación da liña de axudas a atónomos e pemes por importe de 150.000 euros.

Para rematar, Miguel Mahia confirmou que xa están a traballar nos orzamentos de 2021 “As contas que presentamos aos grupos para este 2020 son unas contas de transición, embridadas polo PEF e as débedas que atopamos ao chegar ao goberno, pero a auténtica revolución económica chegará coas contas de 2021. Para empezar por que a nosa intención é que por primeira vez, as contas xa estén aprobadas o 1 de xaneiro, o que permitirá traballar con seguridade aos diferentes departamentos municipais  desde o primeiro día. E sobre todo, por que serán as contas que permitan reflectir 100% as propostas deste goberno para os veciños e veciñas de Mugardos, e traballaremos arreo para sacalas adiante”.

Back to top