Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

PROGRAMA DE ACTIVIDADES PARA NENOS E NENAS NO CENTRO DE INTERPRETACIÓN DO CALDOVAL

Estas son as actividades para nenos e nenas entre 7 e 12 anos que o Concello de Mugardos oferta no centro de interpretación para este verán:

  • Visitas guiadas: de xoves a domingo, ás 10.30, 12.30, 16.30 e 18.30 horas. Cunha duración estimada de 45 minutos, e un aforo máximo de 18 persoas, é unha visita recomendada para todos os públicos, pois adáptase a presentación ao perfil do grupo.
  • As 12 probas do Caldoval”: é un xogo de enigmas que está orientado ao público infantil ou familiar. Ofrécese en calquera momento durante o horario de apertura do centro, que é de martes a domingo de 10.30 a 14.00 e de 16.30 a 20.00 horas. Os participantes deben resolver 12 retos distintos para poder atopar unha cantidade de diñeiro roubado aos antigos propietarios da “vila” de Caldoval, Cornelio e Honoria.
  • Obradoiros Didácticos en familia: de xoves a domingo, ás 11.30 e ás 17.30 horas, para un máximo de 8 nenos e nenas de 7 a 12 anos. Hai 5 obradoiros diferentes:
    • “Pequenos investigadores”: no que os nenos/ as viaxarán ás bibliotecas de Pérgamo e Alexandría para descubrir a historia dos principais deuses do Olimpo e aprender a identificalos, a través do misterio do soado roubo do deus Mercurio que terán que resolver.
    • “Xogos na Palestra” pon de relevancia a importancia do deporte no mundo romano, dado que os lugares onde se realizaban actividades físicas eran os baños e as palestras e en Caldoval temos un xacemento con este tipo de restos arqueolóxicos. Entón, os nenos/ as aprenden xogando aos diferentes xogos de época romana todas as curiosidades ao redor deste tipo de espazos.
    • “Xoias Romanas” é un obradoiro de artesanía no que os peques aprenden a facer xoias similares ás usadas pola aristocracia romana.
    • “A arte dos mosaicos” é un obradoiro no que nenos e nenas aprenden a deseñar mosaicos como na antiga Roma, usando materiais que emulan a técnica das teselas.
    • “Pintores de Roma” é o único que está orientado a nenos/ as de 3 a 6 anos. Convértense en artistas que teñen o encargo de decorar as paredes do baño de Caldoval. Para iso terán que fabricar os seus propios pigmentos á maneira dos pintores romanos.
    • “A arte dos mosaicos”.
  • III Xornada de Xogos Romanos en Familia” desenvolverase o sábado 18 e 19 de xullo pola tarde de 18.30 a 21.00h. A causa da limitación de aforo, ofértanse este ano dúas tardes para unha edición especial titulada “A inmunidade de Galeno”, onde relacionarase a situación epidemiolóxica actual coa historia do médico deportivo máis importante de Roma ao tempo que os participantes poderán divertirse xogando a diversos xogos romanos coma o Trigón, o xogo da letra Delta, a Tabula Lusoria e incluso algún novo pasatempo de lóxica matemática.
  • “A noite das estrelas” desenvólvese no mes de agosto, e consiste na observación astronómica realizada no exterior do Centro de Interpretación da man de Antón Bouzas, biólogo, paisaxista e experto en astronomía cultural.
  • “Ars Scribendi” terá lugar o 22 de agosto e trátase dun obradoiro de escritura romana dirixido tanto a rapaces coma a maiores que queiran indagar nas técnicas empregadas na antigua Roma para escribir, e que poderán empregar cálamos e papiros para imitar as tipografías da época.

O uso de máscara facial é imprescindible dentro das instalacións, así como realizar inscrición previa nos obradoiros (polo número de prazas limitadas) e recoméndase realizala tamén para as visitas guiadas e “As 12 probas do Caldoval”. Para realizar a inscrición poden usarse estas dúas canles:

info@museocaldoval.gal

687 072 116

Máis información na web do centro de interpretación do Caldoval:

https://www.museocaldoval.gal/

Back to top