Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO URXE A ADIF Á REALIZACIÓN DAS TAREFAS DE MANTEMENTO NA CONTORNA DA ESTACIÓN DE FRANZA

Os responsables municipais de Obras e Mobilidade, Jorge Kuntz e Juan Domingo de Deus mantiveron un encontro cos responsables de ADIF da Estación de Franza para a solicitarlles que se leven a cabo as tarefas de mantemento nos espazos públicos do apeadeiro ferroviario e para abordar a posibilidade da cesión dos terreos ao Concello de Mugardos.

Desde o goberno municipal lévase tempo analizando a situación da Estación de Franza e as posibilidades que dita infraestructura ofrece. As posibilidades que suscitan máis interese neste momento para os responsables municipais pasarían por solicitar a cesión dos espazos públicos da contorna da estación, e promover a reactivación do servizo ferroviario na parada no caso de que desde a veciñanza este servizo fose demandando con intensidade suficiente para presentar aos responsables de servizos de ADIF un estudo solvente ao respecto.

En canto á cesión do edificio da estación, desde as concellerías rexeitaron inicialmente dita posibilidade debido ao estado actual da edificación e “dado que o noso interese inicial é a reactivación do servizo de tren, e non o cambio de uso de la infraestructura. En todo caso, mantemos a posibilidade da realización dun estudo técnico por parte do departamento de urbanismo” afirmou Juan Domingo de Deus.

Kuntz e de Deus informaron de que o seguinte paso será a posta en marcha dunha consulta á veciñanza para coñecer a demanda que a reactivación que tería o servizo ferroviario e que permitiría conectar Mugardos con Ferrol e Coruña a través do tren, e en función desa resposta, analizaríase as posibilidades de transformación dos xardíns e terreos da contorna da estación.

Jorge Kuntz lembrou que, á marxe das negociacións sobre as instalacións, na actualidade ADIF debe facer fronte aos tarefas de mantemento.

“Abrimos esta canle de diálogo coa intención de falar das condicións nas que poden levarse a cabo as distintas posibilidades abertas no último encontro mantido. Pola nosa parte, a comunicación será fluida e desde a total lealdade institucional e abrimos estas posiblidades pensando na mellora dos servizos aos cidadáns” rematou Juan Domingo de Deus.

Back to top