Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO TRABALLA PARA ACABAR COAS AVARÍAS NO ALUMEADO PÚBLICO NO PEIRAO E NAS CASAS BARATAS

A Concellería de Obras, Servizos e Medio Ambiente traballa xa no arranxo definitivo das avarías que, de xeito recurrente e desde fai anos, afectan ao alumeado público do peirao mugardés e das Casas Baratas.

O concelleiro Jorge Kuntz expuxo hoxe de xeito pormenorizado o problema existente tanto no peirao como nas Casas Baratas, que parece ser o mesmo desde o punto de vista técnico. A existencia dunha derivación nalgún punto da instalación soterrada que en contacto con niveis de humidade altos (como pode ser a choiva) fai caer o sistema deixando sen alumeado a zona.

Nas últimas semanas o alumeado público foi sustituido por equipos LED, máis eficientes e seguros e con menor taxa de avarías, pero o problema destas dúas avarías non está relacionado coa luminaria ou os cadros eléctricos, xa que o concelleiro confirmou que a avaría tanto nas Casas Baratas como no peirao está no cableado eléctrico soterrado, probablemente instalado con medios precarios, e ao que nunca se lle fixo ningún mantemento. No caso do peirao, o punto exacto xa foi localizado e de xeito preventivo optouse pola desconexión de 3 farolas sitas á altura do Club do Mar. Nas Casas Baratas aínda non foi localizado o punto exacto da avaría.

A Concellería de Servizos encargou estes traballos a unha empresa especializada. Polo momento realizouse un arranxo temporal no peirao ata que poida abordarse a sustitución de todo o cableado desde a rotonda ata o Club del Mar, lugar onde se atopa o problema.

O concelleiro de Servizos quixo destacar que “unha vez máis, a falta de mantemento das instalacións, un cableado vello e as chapuzas varias realizadas desde fai anos, dan lugar a problemas graves que teñen consecuencias para a veciñanza e os comerciantes, ademáis de dar lugar a avarías de difícil e carísima solución”.

“É unha mágoa que durante tantos anos se fixeran as cousas a pasar, pero seguimos pensando que hai que traballar pola prestación de servizos de calidade e invertir en prevención. En poucos meses, os veciños e veciñas das Casas Baratas e do peirao deixarán de sufrir estas avarías, xa que a maiores de solucionar o problema poremos os medios para que non se repita. Son traballos máis caros e máis complexos, pero esta é a forma de traballar que merece Mugardos” rematou Kuntz, lembrando que unha vez rematados os traballos no peirao, abordarase a avaría das Casas Baratas e traballarase arreo para a localización do punto exacto no que se atopa a derivación danada.

Back to top