O CONCELLO SOLICITA Á XUNTA O DESBROCE DAS VÍAS DE TITULARIDADE AUTONÓMICA
O concelleiro de Obras e Servizos realizou a solicitude á Consellería de Medioambiente
Mugardos, 21 de abril de 2022. O concelleiro de Obras e Servizos, Jorge Kuntz, informou hoxe da solicitude realizada á Xunta de Galicia para que proceda ao desbroce das estradas situadas no Concello de Mugardos que son competencia autonómica, xa que debido ás circunstancias meteorolóxicas extraordinarias atópanse neste momento coas herbas moi altas dificultando o paso de peóns e vehículos.
Kuntz confirmou que o goberno municipal está a realizar un esforzo importante no que se refire ás tarefas de desbroce e limpeza de camiños, por tratarse dunha das prioridades do departamento de Servizos que dirixe. “Nós fixemos unha licitación para ter contratada todo o ano unha empresa que se vai encargar de manter os camiños de titularidade municipal desbrozados, algo que nunca se fixera en Mugardos, pero non podemos encargarnos do desbroce dos camiños que son da Xunta ou da Deputación. Esta última xa confirmou que nas próximas semanas procederá a desbrozar as estradas de titularidade provincial, e esperamos que a Xunta de Galicia faga o mesmo coas súas” concluiu.