Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO RECOLLE 40 TONELADAS DE ENSERES EN DOUS MESES

A Concellería de Servizos dirixida por Jorge Kuntz segue a poñer en marcha solucións para o problema de acumulación de enseres nas vías públicas, que poñen en perigo a seguridade e a saúde da poboación.

Segundo informan desde o departamento, o depósito irregular de enseres provoca que durante semanas estean arroxados nas rúas mugardesas centos de restos de mobiliario, electrodomésticos ou refugallos, que o concello non recolle por non serlle comunicado o depósito dos mesmos.

Os datos facilitados pola concellería certifican que desde o 8 de xuño ata o 8 de agosto deste ano, a empresa contratada para a recollida de enseres fixo acopio de máis de 40.000 kilos de enseres, o que non suporía ningún problema para a xestión do servizo se todos os veciños e veciñas informaran polas vías establecidas e o día sinalado.

Nas últimas semanas as queixas da veciñanza teñense multiplicado pola presenza de refugallos no espazo público, debido á actitude incívica dalgúns veciños e veciñas. Por este motivo a concellería decidiu ampliar as canles de comunicación para informar do depósito de enseres, que tamén poderá realizarse a través do servizo Mugardos en Liña, sempre que se estea dado de alta como usuario.

As persoas interesadas en darse de alta deben engadir á lista de contactos do seu teléfono o número 638 167 088 co nome “Mugardos en Liña”. Unha vez feito, deberase enviar un whatsapp ao contacto “Mugardos en Liña” co texto “Alta información Concello de Mugardos”.

Unha vez recibida a mensaje de benvida, os usuarios e usuarias do servizo que desexen informar dun depósito de enseres, simplemente terán que enviar unha mensaxe coa dirección do depósito e a relación de elementos que se teñen previsto depositar.

Lémbrase que esta é unha canle máis de comunicación para o servizo de recollida de enseres, que poderá seguir realizándose presencialmente nas oficinas municipais, chamando ao 981 470 290 (extensión: #2028) de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas, ou por correo electrónico. Sexa cal sexa a canle elixida para comunicar o  depósito dos enseres, este deberá realizarse sempre o domingo anterior a o luns de recollida.

Jorge Kuntz, concelleiro responsable do servizo, sinalou que “o goberno municipal segue a traballar na concienciación da veciñanza e na importancia da colaboración cidadá, xa que o correcto uso do servizo non só protexe a saúde de todos, tamén o medio ambiente”.

“Trátase dun servizo financiado integramente polo concello, pero a xestión é compartida entre a veciñanza e o concello. Os veciños e veciñas teñen que colaborar avisando dos depósitos, porque non podemos vivir con vertedoiros ilegais ás portas das nosas vivendas pola actitude incívica duns poucos” finalizou Kuntz.

Back to top