O CONCELLO PRORROGA A ADHESIÓN Ó SISTEMA VIOGÉN PARA CONTINUAR PROTEXENDO ÁS VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO
O Concello de Mugardos aprobou unha nova prórroga da súa adhesión ao Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (VioGén), promovido polo Ministerio do Interior, co obxectivo de asegurar a continuidade dos labores de seguimento, protección e apoio ás vítimas de violencia de xénero e aos seus fillos/as. Este sistema, ao que Mugardos incorporouse recentemente, permite coordinar eficazmente ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado coa Policía Local na atención de casos de violencia machista, facilitar a monitorización dos riscos e garantir unha mellor protección das persoas afectadas.
A concelleira de Igualdade e Benestar, Patricia Ruiz de Azcárate, subliñou a importancia desta prórroga. “Para o Concello de Mugardos é unha prioridade seguir formando parte do sistema VioGén, unha ferramenta clave na loita contra a violencia de xénero. Esta prórroga garante que sigamos coordinados coas Forzas de Seguridade para protexer ás vítimas, ofrecendo un seguimento especializado e próximo. A seguridade e o benestar das nosas veciñas e as súas familias é unha responsabilidade que asumimos con total compromiso” sinalou. Ruiz de Azcárate tamén destacou que a continuidade no sistema permite manter a atención integral que se esixe nestes casos, reforzando a colaboración entre a Policía Local, a Garda Civil e os servizos sociais municipais para responder con eficacia ás necesidades das vítimas.
A prórroga do servizo VioGén facilita a elaboración de plans de seguridade personalizados e a valoración periódica do nivel de risco, aspectos fundamentais para previr novos episodios de violencia e garantir a protección das persoas afectadas segundo os protocolos establecidos a nivel estatal. O Concello de Mugardos reafirma así o seu compromiso coa igualdade real e a protección das vítimas de violencia de xénero, procurando que o municipio siga sendo un lugar seguro e respectuoso para todas as persoas.