O CONCELLO ORGANIZA OBRADOIROS DE PRIMEIROS AUXILIOS E NOVAS TECNOLOXÍAS PARA PERSOAS MAIORES NO MES DE XUÑO
A área de Benestar do Concello de Mugardos poñerá en marcha durante o próximo mes de xuño unha nova programación de obradoiros dirixidos ás persoas maiores do municipio, que se desenvolverán no Local de Maiores e na Casa da Cultura, co obxectivo de fomentar o envellecemento activo, a autonomía persoal e a participación social.
Entre as actividades previstas atópase o ‘Obradoiro de Primeiros Auxilios’, orientado a ofrecer coñecementos básicos e prácticos para actuar ante situacións de emerxencia cotiás, o vindeiro mércores 3 de xuño de 16:30 a 20:00 horas. Está dirixido á cidadanía en xeral e as inscricións poden realizarse na oficina de Servizos Sociais de Mugardos (2º andar do Concello) ata o 29 de maio. As prazas son limitadas e se otorgarán por orde de inscrición.
Ademais, tamén se desenvolverá un curso dirixido a maiores de 60 anos centrado no Uso das Novas Tecnoloxías e a Comunicación Dixital. Este curso, organizado en colaboración coa entidade “YoConecto”, abordará contidos relacionados co uso de redes sociais, iniciación a internet, identidade dixital, aplicacións de saúde e outras ferramentas útiles para facilitar a comunicación e o acceso a recursos dixitais. Neste caso, se desenvolverá do 8 ó 11 de xuño, de 10:00 a 13:00 horas, na Casa da Cultura de Mugardos.
A concelleira de Benestar, Patricia Ruiz de Azcárate, destacou que “desde o Concello seguimos apostando por actividades que axuden ás nosas persoas maiores a manterse activas, adquirir novos coñecementos e desenvolverse con maior seguridade e autonomía no seu día a día”. As inscricións se realizarán presencialmente na Casa da Cultura de Mugardos, no teléfono 680 460 745 ou no correo gloriavilarp68@gmail.com