Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO INSTA Ó ARCEBISPADO DE SANTIAGO A ADOPTAR MEDIDAS DE SEGURIDADE NA CASA NATAL DE BELLO PIÑEIRO E NA ANTIGA ESCOLA DE FRANZA

Dende a área de Urbanismo, ao longo deste último verán realizáronse máis de 45 inspeccións a vivendas e propiedades en posible estado de ruina, dentro de todo o termo municipal, iniciando procedementos de notificación e sancións.

O concelleiro de Urbanismo e Réxime Interior, Miguel Mahía, ven de anunciar as medidas adoptadas polo abandono e a falta de mantemento da casa natal de Bello Piñeiro e a antiga Escola de Franza, ambas propiedade do Arcebispado de Santiago de Compostela. “Unha vez realizadas as visitas dos técnicos, a elaboración dos informes pertinentes e a estruturación do expediente, iniciamos o procedemento contra o Arcebispado para que asuma as súas obrigas como titular de ambos bens inmobles”, declarou Miguel Mahía.

“Dende a área de Urbanismo, ao longo deste verán non só iniciamos os trámites de contratación do novo PXOM ou traballamos para poñer ao día a convocatoria de axudas de rehabilitación, tamén estamos a desenvolver un labor intenso na identificación de propietarios de inmobles e leiras abandonadas para que os manteñan”, declarou o concelleiro da área.

No referente ao estado no que se atopa a Escola de Franza, situada nas inmediacións da Igrexa de Santiago Apóstol, o informe técnico puxo de relevo que o edificio sofre un gran deterioro xeral, que os peches se atopan en estado de abandono por abundante maleza, así como un punto incontrolado de vertedoiro de restos de neumáticos ou madeira nas inmediacións da antiga escola.

“O principal problema é o afundimento do tellado, situado no ala oeste (antiga aula de nenas), onde falta a metade do mesmo quedando á vista a estrutura de madeira e os restos do falso teito. Tamén presenta outros buracos importantes na zona este que ocupaba a aula de nenos e o vestíbulo” detallou o concelleiro delegado.

No caso da casa natal de Bello Piñeiro, Mahía detalla que “ademais da falta de mantemento da parcela con abundante maleza, o tellado está afundido no faldón nordeste por colapso da estrutura. A falta de poder acceder ao interior, estímase que elementos como a escaleira, tabiquería ou instalacións posiblemente estean moi danados, ademais do estado deficiente de conservación tanto da carpintería exterior como de xanelas e portas.”

Ademais, o concelleiro tamén aclara que existía un protocolo mediante o cal o Arcebispado podería ceder ao Concello de Mugardos o uso da casa de Bello Piñeiro, algo que se descarta dende o goberno municipal.

“A proposta de protocolo que existía do ano 2019 ao noso xuízo non é unha boa opción para os veciños de Mugardos, porque se nos cede a propiedade para que o Concello asuma a reforma da casa de Bello Piñeiro e a súa posta en valor, pero finalizada a cesión, ésta termina de novo en mans do Arcebispado. Non imos destinar os impostos dos nosos veciños en rehabilitar propiedades que non sexan para o Concello” declarou Mahía.

Execucións forzosas

De acordo con a normativa vixente en materia de urbanismo, de non cumprir coas esixencias marcadas nas resolucións nos prazos estipulados procederase por parte do Concello de Mugardos á execución forzosa mediante a imposición de multas coercitivas que irán dende os 1.000€ ata os 10.000€. O obxectivo é lograr a execución das medidas ordenadas en materia seguridade, salubridade e ornato, sen prexuízo de que posteriormente se sancione a non execución destas medidas.

“En ambos os casos, as propiedades son do Arcebispado de Santiago de Compostela, que ten a obrigación e o deber legal de mantelas dado que se trata de edificios catalogados, e dende a área de Urbanismo imos obrigar ao cumprimento da normativa sexa quen sexa o titular dos inmobles”, declarou o concelleiro.

Back to top