O CONCELLO INICIA A ADQUISICIÓN DA NOVA BIBLIOTECA MUNICIPAL
O alcalde de Mugardos Juan Domingo de Deus informou hoxe do inicio da adquisición da nova sede da biblioteca municipal por un importe de 105.000 euros e que estará situada na Avenida de Galicia nº 25.
A parcela permitirá unha construcción de máis de 150 metros cadrados por planta, conta con todos os requisitos de accesibilidade que plantean este tipo de instalacións municipais e ao estar dentro do casco urbán permite tamén a dinamización da zona.
O importe final lde adquisición por 105.000 euros está por debaixo das taxacións independentes encargadas. Non foi este o único inmoble tasado e que se manexou desde o goberno municipal como posible nova sede da biblioteca nesta zona, pero este foi o único que reunía as condicións ópitmas.
A adquisición, aprobada hoxe en sesión extraordinaria da Xunta de Goberno Local, conta con informes favorables de intervención, secretaría, urbanismo, bibliotecaria e as taxacións independentes.
Na comisión informativa convocada previamente á celebración da Xunta de Goberno, o ditame foi tamén favorable á adquisición do inmoble, aínda que contou co voto en contra de Esquerda Unida e BNG. “Unha vez máis, lamentamos a negativa destas formacións a participar dos grandes cambios, pero quedamos co bo sabor de boca do apoio do PSOE, sempre construtivo nas súas achegas e que está a permitir a realización de modificacións substanciais en Mugardos por riba de siglas e personalismos”.
O alcalde Juan Domingo de Deus mostrou a súa alegría polo inicio da adquisición da biblioteca, xa que “temos un compromiso político inquebrantable coa biblioteca municipal, un compromiso que vai máis aló da adquisición dun edificio, pero este é un paso indispensable para dotar aos mugardeses e mugardesas da biblioteca pública que merecen”.
De Deus adiantou que nos próximos meses traballarase conxuntamente desde os departamentos de urbanismo e cultura no desenvolvemento dun proxecto definido e claro para poder iniciar o antes posible as obras que albergarán a nova biblioteca municipal “Será un cambio de concepto absoluto. A nova biblioteca que nós queremos para Mugardos será punto de encontro para todas as idades e un espazo que suporá unha renovación para o desenvolvemento de eventos culturais, con máis medios, máis aberta ao público, máis dinámica e activa. Unha biblioteca do século XXI para o noso pobo”.