O CONCELLO ESTREA NOVA WEB, MÁIS FUNCIONAL E ACCESIBLE
O concelleiro de Participación, Miguel Mahía anuncia a estrea da nova web municipal, con nova dirección (www.mugardos.gal), novos contidos, máis visual e unha aposta importante pola facilitación da tramitación online.
A axenda municipal tamén cobra unha maior relevancia. Cun formato actual e sinxelo, no que poderá seguirse a actualidade cultural, deportiva e social do municipio.
“É unha web rápida, dinámica e adaptada ás novas necesidades. É unha canle pensada para facilitar o contacto co concello dos veciños e veciñas coa Administración Local” explica Miguel Mahía.
Cun deseño moderno, e adaptada a todo tipo de dispositivos, os veciños e veciñas poderán atopar de forma rápida e sinxela o contido que buscan, e facer os trámites que se requiran co concello cando queira e desde calquera lugar. O concelleiro de participación resaltou tamén que “O esforzo principal centrouse na explicación do xeito máis sinxelo das tramitacións municipais, dando publicidade á normativa municipal que os regulan e os documentos relacionados”.
Tamén unido á renovación dos contidos e do aspecto da web, o concello decidiu modificar á dirección url, pasando agora á máis curta e sinxela www.mugardos.gal, modificación que tamén se adoptou para todos os correos oficiais do concello.
“Hai que facilitar a aproximación da administración a través dos medios dixitais. Adoptar o nome da web máis curto e sinxelo (igual en galego e español), así como facilitar as direccións dos correos para evitar erros (que pasan de rematar todos @concellodemugardos.gal a @mugardos.gal) son pequenos cambios que melloran e simplifican as relacións dixitais” rematou Miguel Mahía.